O Concello avanza coa súa folla de ruta para reforzar o servizo municipal nos diversos distritos da cidade. Onte mesmo tamén se instalou unha nova estación na rúa Mosteiro de Bergondo
O Concello entra xa nos últimos compases da fase de expansión na que se atopa actualmente o servizo municipal BiciCoruña, que onte pola tarde sumou tres novas bases en funcionamento: dúas en Xuxán —as primeiras que se habilitan no barrio— e outra na travesía de Meicende.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor o intenso traballo que se está a efectuar para completar esta ampliación de BiciCoruña, concibida para reforzar o servizo en máis barrios da cidade e, desta forma, dar resposta ás necesidades de cada distrito e tamén das persoas usuarias en puntos estratéxicos da urbe herculina.
Neste sentido, a xornada de tarefas executada onte permitiu tamén a posta na rúa doutra nova base na rúa Mosteiro de Bergondo, que permitirá prestar servizo directo aos barrios da Agra do Orzán e o Ventorrillo. Os traballos nesta estación tamén incluíron a sinalización e continuidade dos trámites correspondentes á subministración eléctrica.
Esta liña de traballo, co pintado da sinalización sobre o terreo e, en paralelo, os avances para dar de alta as novas bases, é a que se seguiu tamén nas estacións que tamén se instalaron días atrás nos barrios dos Mallos (a carón do centro cívico e na rúa Eusebio da Guarda), en Monte Alto (na rúa Vila de Cambre, preto do novo mercado municipal), no Ensanche (rúa Alfredo Vicenti) e a Pescaría (rúa Cordelería).
Estas seis bases, eléctricas, poranse en servizo proximamente, cando se completen os trámites de subministración enerxética e tamén as tarefas correspondentes ás probas de integración no sistema operativo.
A dinamización do servizo municipal BiciCoruña forma parte das medidas que está a impulsar o Goberno de Inés Rey para promover a mobilidade sostible e o uso de vehículos de emisións cero na cidade, como alternativa ao vehículo privado. Neste sentido, a actual fase de expansión de BiciCoruña dá continuidade á renovación do servizo que se iniciou no pasado mandato, cando se pasou de 23 bases operativas a case medio cento. Agora, a cidade está preto de chegar ás 80 estacións.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.