Salienta que xunto con Canarias, País Vasco e Galicia foron as tres únicas comunidades que cumpriron o seu obxectivo de déficit público
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que non pode haber maior garante da estabilidade para unha comunidade ou para un país que poder salvagardar, desde a responsabilidade institucional, os seus servizos públicos. “E, esa debe ser a senda a seguir”, aseverou, logo de lembrar que Galicia e País Vasco, xunto con Canarias, foron as tres únicas comunidades que cumpriron o seu obxectivo de déficit público.
Así mesmo, afirmou que “coa estabilidade institucional fomos capaces de atravesar unha das peores crises económicas das últimas décadas e soubemos poñer rumbo ao crecemento”; ao que engadiu que “romper con esa estabilidade significaría retroceder nos nosos pasos e frear os avances conseguidos ata o momento”.
Nesta liña, e durante o acto de celebración do 60 Aniversario da Fundación do Centro Galego en Álava, o titular da Xunta incidiu en que é agora cando debemos defender e procurar con maior intensidade esa mesma estabilidade que nos fixo progresar como país.
No tocante ao Centro Galego en Álava, Feijóo lembrou que este é tan só un dos 16 centros galegos e casas de Galicia que os emigrantes galegos fundaron en diversas localidades vascas -Vitoria, Bilbao, Eibar, Ermua, Barakaldo, San Sebastián, Ondarroa, Lloido, Santurce…-, e subliñou que todos eles son lugares nos que as asociacións de galegos reveláronse como verdadeiros canles de diálogo e integración, “porque desde cada un deles –dixo- transmitimos a mensaxe de que o apego á terra de orixe non está rifado co cariño á terra de acollida”.
Así mesmo, subliñou que o traballo desenvolvido desde estas asociacións foi encamiñado a exaltar a cultura propia buscando compartila no novo contexto vital, e buscando a súa integración no ámbito sociocultural, político e económico do lugar de destino. “É a través do labor e da presenza destes centros que entendemos a pluralidade desta casa común que é España. E entendemos, pola súa vez, o significado da igualdade entre o conxunto de rexións e nacionalidades que compoñen o mapa do Estado”, concluíu.