A celebración será na Praza do Alcalde Ramón José Souto González, e incluirá a actuación da Orquestra Origen, sesión DJ e chocolate con churros
O Concello de Fene vén de desvelar o cartel dunha nova edición da Festa de Ano Novo, que se celebrará na madrugada do 1 de xaneiro na Praza do Alcalde Ramón José Souto González, converténdose unha vez máis no epicentro da benvida ao novo ano para centos de veciñas, veciños e visitantes.
A celebración dará comezo ás 01.00 h, cun gran concerto da Orquestra Origen, que ofrecerá un espectáculo pensado para todos os públicos. A continuación, será a quenda dun DJ, que animará a pista ata as 06.00 h.
Como broche final, ao remate da festa ofrecerase chocolate con churros a todas as persoas asistentes, mantendo así unha das tradicións máis queridas desta xornada festiva. Ademais, para maior comodidade, a carpa instalada na praza contará con barra e servizo de gardarroupa.
A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “a Festa de Ano Novo é unha das citas máis especiais do noso calendario, un momento para celebrar en comunidade e comezar o ano cheas e cheos de ilusión. Queremos que toda a veciñanza se achegue a compartir esta noite nun ambiente seguro, festivo e acolledor”.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, subliñou que “apostamos por unha programación que dinamice o noso concello no Nadal, combinando tradición, cultura e participación social. A Festa de Ano Novo súmase así aos concursos de escaparates e de decoración de fachadas, balcóns e portais, que buscan implicar á veciñanza e ao comercio local na creación dun ambiente festivo único”.
Desde o Concello lembran que os prazos de inscrición para ambos certames de Nadal permanecen abertos ata o 18 de decembro, animando a participar e contribuír a que Fene luza máis especial ca nunca nestas datas.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.