Representantes da AD Fogar, da Federación Galega de Natación e do Concello de Carballo presentaron o III Memorial Pedro Luis Fernández Pombo, que se disputará esta fin de semana na piscina municipal Carballo Calero. “Carballo vai lembrar esta fin de semana a unha persoa que fixo unha importante contribución á sociedade nos ámbitos cultural, político, social e tamén deportivo”, dixo o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, un dos participantes no acto xunto co presidente da AD Fogar, Gustavo Álvarez; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
Pedro Luis Fernández Pombo foi directivo fundador, socio honorífico, deportista, árbitro e colaborador da AD Fogar, na que fixo un labor “impagable”, en palabras de Gustavo Álvarez. Pero ademais dese aspecto social, o memorial tamén ten unha importante compoñente deportiva, xa que é a última oportunidade para conseguir marcas mínimas para o campionato galego.
O sábado, a partir das 08.30 horas, disputarase a competición correspondente ás categorías infantil, júnior e absoluta, cun total de 269 participantes de 20 clubs, e o domingo a partir das 09.00 horas será a quenda da categoría máster, con 77 nadadores/as de 14 clubs. En total, 346 deportistas de vinte clubs, xa que algúns estarán presentes nas dúas xornadas. Pero ademais dos equipos galegos, tamén se achegarán a Carballo o San José Obrero de Zamora, que visita o noso concello por segundo ano consecutivo, e un deportista do Club Natación Barcelona.
O presidente da AD Fogar agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e da Federación Galega de Natación, cuxo presidente puxo en valor a figura de Pedro Luis pola súa “importancia a nivel galego, porque foi un dos impulsores da categoría máster” e tamén o “bo traballo” que está a facer a entidade carballesa.
O alcalde pechou o acto lembrando a Pedro Luis Fernández Pombo, “un amigo, unha persoa que marcou a moita xente en Carballo, a min incluído. Un pobo ten que lembrarse sempre das persoas que contribúen a crear sentimento de comunidade, como Pedro Luis, e unha competición de nivel como este memorial é un tributo moi merecido”, concluíu Daniel Pérez.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.