A alcaldesa participou hoxe na visita ás obras de remodelación da antiga terminal ferroviaria, un acto convocado polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible
O Concello avanza cos traballos de construción da nova vía de dobre sentido entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que supón un investimento de 2,2 millóns de euros
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe na visita institucional á estación intermodal da Coruña, inmersa na remodelación das antigas dependencias da terminal ferroviaria de San Cristovo e tamén da reurbanización e mellora das rúas da contorna, unha intervención que conta coa participación directa do Concello.
O acto desta mañá, convocado polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA), contou coa participación do secretario de Estado de Transportes y Movilidad Sostenible, José Antonio Santano, e do presidente do ADIF, Pedro Marco, que deron conta dos últimos avances no cronograma de tarefas previstas. Ademais, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, tamén tomaron parte na supervisión dos traballos.
Neste sentido, Inés Rey subliñou o compromiso do Goberno local para impulsar a intermodal, “que será clave na mobilidade da Coruña no futuro que vén, e que terá un importante efecto tractor para dinamizar os barrios próximos, especialmente Os Mallos, Vioño e a Sagrada Familia”.
A achega do Concello ao proxecto da nova intermodal é de 14,6 millóns de euros, dos que 9 corresponderon a unha achega do Ministerio co obxectivo de promover o desenvolvemento das obras e, desta forma, facilitar que o Goberno local dispuxese de máis fondos propios que serviron para iniciar outras actuacións fundamentais na contorna da estación.
É o caso da reurbanización da avenida da Sardiñeira, xa executada e cun investimento de 1,6 millóns de euros, así como das obras de construción da nova conexión entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo, actualmente en curso e cun investimento engadido de 2,2 millóns de euros.
No caso desta última actuación, o obxectivo do Goberno municipal é que estea rematada no primeiro trimestre do ano que vén. Esta nova vía, inexistente ata agora, permitirá absorber o tráfico específico da intermodal no sentido de acceso á cidade, o que tamén axudará a aliviar, por exemplo, o tránsito rodado pola avenida de Arteixo ao seu paso por Vioño.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.