Thursday 11 de December de 2025

O PP crea unha canle de información e apoio para que os veciños de Culleredo accedan ás axudas de vivenda da Xunta


• Os populares lembran que levan meses trasladando á Xunta as necesidades reais de vivenda alcanzable que ten o concello

• Denuncian que, a diferenza de municipios como A Coruña, Arteixo ou Carballo, o alcalde de Culleredo mantén bloqueado o PXOM e deixa a Culleredo sen chan municipal para vivenda de protección pública

O PP de Culleredo pon en marcha unha canle de información e acompañamento para que os veciños do concello poidan coñecer, solicitar e tramitar as distintas axudas da Xunta en materia de compra e alugueiro de vivenda, rehabilitación e eficiencia enerxética, así como recibir apoio nos pasos necesarios para optar ás futuras vivendas de protección pública. Esta iniciativa permitirá resolver dúbidas e axudar, por exemplo, no proceso de inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Protección Pública do IGVS, requisito imprescindible para optar ás novas vivendas. “Se o Concello non informa, informamos nós. Se o Concello bloquea, traballamos nós”, sinala a portavoz popular, Izaskun García, que acompañou esta mañá á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na súa visita á parcela de titularidade autonómica de Vilaboa onde a Xunta investirá máis de 3,2 millóns de euros para construír un edificio con 17 vivendas públicas.
A portavoz do PP subliña que esta nova promoción “é posible grazas ao traballo político que o PP de Culleredo mantén desde hai meses coa Xunta”. Desde o encontro organizado en febreiro no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, no que se informou sobre as axudas da Xunta e encheuse o aforo con veciños preocupados pola vivenda, o PP mantivo unha vía de traballo directa coa Consellería para facer chegar “as preocupacións reais dos mozos e as familias de Culleredo que non atopan vivenda a prezos asumibles”. “A Xunta respondeu con feitos; Rioboo responde con parálise”, resume García.
A portavoz popular subliña que Culleredo é hoxe unha excepción na área metropolitana: mentres concellos como A Coruña, Arteixo ou Carballo xa cederon terreos municipais para vivenda pública, Culleredo non achega chan “por vontade do alcalde, que leva anos sen avanzar nin un milímetro no PXOM”. “É unha pena porque agora teriamos chan municipal e, no canto de falar de 17 vivendas falariamos de moitas máis”, engade.
García avanza tamén que, tras o éxito do encontro con veciños de febreiro pasado, realizarase unha nova convocatoria en 2026 para informar sobre axudas en materia de vivenda da Xunta, que segue cumprindo co reto de duplicar o parque público residencial en Galicia con 4.000 novas vivendas en 2028.

Deja un comentario