A actuación reforza a accesibilidade entre Encián, As Senras e O Priorato e contribúe a mellorar o acceso ao mosteiro de San Pedro.
Xa están en marcha as obras previstas no proxecto de mellora da rede viaria municipal da parroquia de Soandres, unha intervención destinada a reforzar o estado da vía e incrementar a seguridade na mobilidade entre os núcleos de Encián, As Senras e O Priorato.
Os traballos, que executa a empresa Construcciones López Cao S.L., comezaron no tramo situado en Encián e avanzarán progresivamente polo resto do percorrido. A actuación inclúe a renovación da superficie de rodadura e a limpeza de cunetas, así como a instalación dunha barreira de protección nunha das marxes para garantir unha circulación máis segura ante o desnivel existente cara ás parcelas lindeiras. Como fase final, realizarase a sinalización horizontal e vertical necesaria para optimizar a visibilidade e favorecer a condución en condicións máis adecuadas.
Con este proxecto o Concello procura mellorar as conexións entre os citados núcleos de poboación da parroquia e, ao mesmo tempo, facilitar un acceso máis cómodo e seguro ao mosteiro de San Pedro, o elemento patrimonial máis importante do termo municipal.
A obra supón un investimento de 58.000 euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña a través do Plan Único de Concellos POS+.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.