Algunhas aulas do Colexio Parga Pondal de Santa Cruz dispoñen dun material totalmente obsoleto e degradado. O Concello demanda que a dirección cumpra coas súas obrigas e reclame á Consellería a renovación inmediata de pupitres e mesas en mal estado.
“Nós estamos a recibir doazóns de moitos colexios de Galicia para enviar a outros países; mesas e pupitres en perfecto estado de conservación. O que non entendemos é que, en cambio, haxa un colexio como neste caso o de Santa Cruz cun material que dá pena”, dixo o alcalde.
Por outra parte, a empresa contratada polo Concello para a limpeza dos centros de ensino público non está cumprindo coas súas obrigas contractuais. Especialmente está a haber problemas nas aulas de infantil do Colexio de Santa Cruz. O Concello elaborou un informe técnico para tomar as medidas oportunas contra a empresa á que se lle abrirá o correspondente expediente por incumprimento do contrato.
Precisamente hai unhas semanas que o Concello realizou as obras de renovación do solo desas aulas de infantil. Era a Xunta quen debía realizar esa obra, pero o Goberno municipal entendeu que os nenos e nenas merecían ter unha aula en mellores condicións. Igualmente, foi renovada pista polideportiva por parte do Concello.
Aínda que o ensino é unha competencia autonómica e ao Concello só lle corresponde os mantementos menores, a Xunta rara vez asume as súas obrigas coa axilidade que se require. Para garantir o benestar dos nenos e nenas, por parte do Concello execútanse continuamente distintas obras a petición das direccións ou das ANPA.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.