A alcaldesa, Goretti Sanmartín, participou este xoves no acto de presentación do libro ‘De Mazarelos a Vistalegre’, editado con motivo dos 50 anos da Facultade de Filoloxía e no que ela mesma participou con dous artigos como alcaldesa e como exalumna.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que esta facultade “ten moitas relacións” coa capital galega e defendeu que, en xeral, a importancia da Universidade de Santiago de Compostela, que “non pode vivir de costas” á cidade. E, neste sentido, considerou que o mundo da Filoloxía é “un dos espazos onde hai máis lazos”.
Ao fío, explicou que neste ámbito de coñecemento non só hai moita xente que desenvolve a “extraordinaria profesión que é ser docente”, senón que moitas persoas “acaban intervindo no mundo cultural”, xa que desta facultade sae moita xente que se dedica ás artes, ao teatro, ao xornalismo ou á Normalización Lingüística.
E ten esta facultade, engadiu, “unha vontade de intervención social que fai que, desa intervención social e cultural, teñamos unha presenza moi importante”. “Santiago de Compostela bebe moito da importancia que tiveron as aulas universitarias de Filoloxía no seu rico e vizoso tecido cultural”, engadiu.
Goretti Sanmartín tamén atribuíu á importancia do uso da lingua galega na universidade, xunto con outros factores, o feito de que Santiago sexa “un oasis” no emprego do idioma propio de Galicia en momentos “tan terribles” para o galego.
A rexedora compostelá rematou cun fondo agradecemento por todo o que leva traballado e feito a Facultade de Filoloxía.
No acto de presentación deste exemplar, publicado por Edicións USC, tamén participaron o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o decano da facultade, Elías Feijóo, e a vicedecana de Cultura, Elsa González.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.