Saturday 13 de December de 2025

O Grupo Municipal Socialista apremia a Goretti Sanmartín a resolver xa a falta de persoal en Bombeiros e Policía Local


Os socialistas alertan de que a cidade leva máis de corenta días con servizos de emerxencia sen persoal suficiente, unha situación que xa compromete a seguridade e a mobilidade de Santiago

O Grupo Municipal Socialista apremia á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a adoptar medidas urxentes ante a situación crítica que atravesan os servizos de Bombeiros e Policía Local, que acumulan máis de corenta días con persoal insuficiente para atender con normalidade as emerxencias e garantir a seguridade cidadá.
O portavoz do grupo socialista no concello, Gumersindo Guinarte, sinalou: “levamos máis de corenta días sen dotacións mínimas en Bombeiros e Policía Local en Santiago. Isto xa causou incidentes graves, como o parque de bombeiros inoperativo e o peche do túnel do Hórreo por falta de persoal.”
Segundo Guinarte, a situación nos servizos de emerxencias é crítica e require intervención inmediata debido a atrasos nos pagos, complementos desactualizados e déficit de persoal:
“A señora Goretti Sanmartín non está tomando medidas efectivas, e o problema está no atraso do pago de horas extra, a falta de actualización de complementos e o déficit de plantilla.”

O Grupo Municipal Socialista reclama medidas concretas e urxentes que inclúan:
– Pago inmediato dos atrasos.
– Melloras salariais que recoñezan o traballo nocturno e festivo.
– Incorporación urxente de persoal en ambos servizos.
– A aprobación dunha Relación de Postos de Traballo con prazos claros e efectos inmediatos.
O portavoz do grupo, Gumerindo Guinarte, subliñou a urxencia da situación:
“Santiago necesita estabilidade e seguridade agora. A señora Sanmartín debe tomar solucións antes de que a falta de bombeiros e policías siga afectando á seguridade e a mobilidade da cidade”.

Deja un comentario