Saturday 13 de December de 2025

As Historias de Icía e avoa, de Sabela Arias, chegan ao Museo do Humor Xaquín Marín


Apareceron alá polo ano 2003, logo dun período de definición de dous ou tres anos. Naceron co novo século e primeiro foron publicadas en Terras de Santiago; logo no Correo Gallego até 2023; e no Galicia Dixital desde 2006 até hoxe, “así como noutros medios onde elas quixeron”. Pero ademais, as Historias de Icía e avoa, colección de tiras cómicas que saen do maxín da pintora e humorista gráfica Sabela Arias (Lugo, 1969) teñen o seu propio blog e IG, sempre están no Globo de Betanzos, e a partir deste sábado e até o vindeiro 7 de xaneiro, inundarán a sala de exposicións temporais do Museo do Humor Xaquín Marín.
A mostra inaugúrase o sábado 13 de decembro, ás 12.00 horas, podendo visitarse a partir desa data: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Por mor do cambio de horario da Casa da Cultura durante o Nadal, do 20 de decembro ao 7 de xaneiro (inclusives), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado).
Ao comezo, as Historias de Icía e avoa trataban temas como a emigración, ou os novos cambios da sociedade dixital e globalizada. Canta xente quedou atrapada na fenda entre o rural e o urbano! Tamén falaban moito do cambio que vai das familias de antes, onde convivían tres ou catro xeracións, ás familias de agora, que somos moi diversas.
E todo isto baixo a mirada das mulleres, de dúas mulleres; da Avoa, que leva co seu refaixo toda a tradición galega, e da nena Icía que está cos ollos ben abertos mirando a vida que ten á fronte. Icía ten seis anos, a Avoa ten moitos máis, e sempre terán eses “porque nas viñetas a xente non se fai vella”.
O trazo que as debuxa é sinxelo e rápido, a cara delas é igual. Só son identificadas polos elementos distintivos (moño, coletas, roupa, altura, caxato…) que as caracterizan a cada unha delas.
Nesta mostra vese a traxectoria destas mulleres durante estes 23 anos, e sorprende que algunas viñetas do comezo estean totalmente de actualidade.
Convidámosvos a pasear polas Historias de Icía e Avoa nesta exposición da man da súa autora, Sabela Arias Castro, así como da asociación Saúde e Terra que ideou e organiza esta exposición coa colaboración do Concello de Fene e do Museo do Humor Xaquín Marín.

Deja un comentario