Thursday 11 de December de 2025

A sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 23 de abril ao 3 de maio de 2026


O EMHU dará a coñecer parte da súa programación a semana que vén, na que tamén activará a venda de abonos e entradas

A Coruña proclamarase na primavera, un ano máis, a capital internacional do humor. A sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) celebrarase do 23 de abril ao 3 de maio. Serán 11 xornadas de risas, conversas, estreas absolutas e ocasións para gozar, en directo, dos espectáculos de comedia máis relevantes do momento. Os principais nomes do sector actuarán para o público coruñés, quen descubrirá a semana que vén parte da programación do evento.

Como en cada edición, o Encontro Mundial de Humorismo pretende visualizar, a través do seu cartel, unha perspectiva diferente do humor. Nesta ocasión, o evento de comedia porá o foco no sorriso: concretamente, no xesto físico e gráfico do acto de sorrir, a través do icónico ‘smiley’ creado por Franklin Loufrani, transformado agora nun superheroe no que, todo o seu corpo, está feito de sorrisos. “A programación cultural do Concello non desbota ningún xénero e ten o humor como un dos seus principais eixos. Inés Rey deixouno claro apostando desde os seus inicios por un festival de humor que nos converte en capital mundial do xénero durante unha semana”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
“O humor é forza e enerxía e, por tanto, tamén é saúde e vida. Rir reduce os niveis de cortisol, mellora o sistema inmunolóxico e favorece a circulación. O humor convértenos en superheroes, como o do cartel do EMHU deste ano, un superheroe feito con sorrisos e que pretende salvar ao universo dun destino triste, frío e silencioso”, explica Luis Piedrahita, director artístico do Encontro Mundial de Humorismo.

Deste xeito, o sorriso icónico constrúe o volume dunha figura hercúlea que se exhibe alegremente no cartel ilustrado por Riki Blanco e deseñado por Rebeca Losada. “Sorrir é coma ir ao ximnasio”, afirma Blanco. “Sorrir é físico, mecánico, técnico e químico. Os sorrisos, do mesmo xeito que os músculos, tamén se poden definir. Para que o xesto sexa inequívoco, podemos traballalos para gañar volume, resolución e contraste. Esta constitución desproporcionada, sobra dicir, é unha metáfora. Repito: é unha metáfora.

Ninguén querería ter un corpo así, tan amarelo”, asevera o ilustrador.

A meirande parte da programación do EMHU 2026 darase a coñecer a vindeira semana, aínda que, como é habitual, nos próximos meses presentaranse as actividades paralelas, os Premios EMHU e outras novidades preparadas para esta sexta edición, que volverá encher
A Coruña de sorrisos tanto nas rúas coma nos patios de butacas.

Toda a información sobre o Encontro Mundial de Humorismo, que conta co apoio do Concello a través do Consorcio de Turismo, pódese consultar a través dos seus perfís nas redes sociais ou na páxina web oficial www.emhu.es, na que tamén se poderán adquirir, a partir da semana que vén, os abonos e entradas.

Deja un comentario