Monday 25 de November de 2024

Máis de 250 alumnos de primaria acudiron á Feira da Enerxía de Galicia para aprender sobre as distintas fontes enerxéticas e o seu uso eficiente


VER O FUNCIONAMENTO DUN COCHE ELÉCTRICO OU TRANSFORMAR ENERXÍA SOLAR EN ELÉCTRICA FORON ALGUNHAS DAS EXPERIENCIA DOS RAPACES

A I Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebra ata o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contou esta mañá coa presenza de máis de 250 alumnos de primaria que acudiron a varios talleres realizados no certame sobre as distintas fontes de enerxía e o seu uso eficiente.

Dous dos grupos de rapaces asistentes, conformados por 120 alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP de Silleda e o CEIP de Oca (A Estrada), participaron nos talleres organizados na gran área divulgativa coa que contan no certame a Fundación Sotavento Galicia xunto co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Na súa visita varios educadores especializados realizaron con eles un percorrido polas diversas áreas coas que conta a exposición, a de enerxías renovables e non renovables, a de transporte e acumulación de electricidade, a de eficiencia e aforro de enerxía e a de vehículos eficientes. Neste itinerario os rapaces puideron ver e experimentar con distinto elementos, como maquetas solares e maremotrices, un aeroxerador de 4 metros de altura, unha máquina de vapor, unha bicicleta para medir a potencia ou un coche eléctrico.

Así mesmo, no marco destes talleres os rapaces puideron, no exterior do recinto, conectar unha placa fotovoltaica a unha lámpada para xerar luz, así como realizar un pequeno percorrido didáctico pola área expositiva da feira e elaborar unha cometa.

Por outra banda, máis de 130 alumnos de 4ª, 5ª e 6º de primaria dos CEIP Manuel Rivero, Xesús Golmar e Varela Buxán, de Lalín; do Pío Cabanillas, de Dozón; e tamén do CEIP Silleda, acudiron esta mañá ao talleres organizados pola Fundación Repsol, nos cales tamén puideron coñecer os distinto tipos de enerxía, a importancia do aforro enerxético e a transformación duns tipos de enerxía noutros. Fixérono a través de distintos experimentos cos que aprenderon como se impulsan os foguetes ou a transformar eles mesmos enerxía solar en eléctrica facendo funcionar un ventilador ou un timbre.

A estes alumnos sumarase esta tarde un grupo de persoas con discapacidade intelectual de Aspadeza (Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos de Deza), quen tamén participarán nos talleres da Fundación Repsol.

Os talleres continuarán mañá

Mañá continuarán os talleres promovidos pola Fundación Sotavento Galicia xunto co INEGA e pola Fundación Repsol, os cales volverán a contar con varios centenares de alumnos de primaria, neste caso dos centros María Inmaculada e Ramón Valenzuela, de Silleda; Xoaquín Loriga, Varela Buxán e Xesús Golmar, de Lalín; e Cerdeiriñas e Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces.