Thursday 11 de December de 2025

O BNG leva de novo ao Congreso a problemática da Ponte de Pedra para esixir unha solución integral e urxente á mobilidade no Eume


A iniciativa dá cumprimento ao compromiso adquirido polo deputado nacionalista Néstor Rego cos concellos de Cabanas e Pontedeume nun encontro recente

O BNG reclama medidas inmediatas durante as obras, alternativas estruturais e non descarta a construción dunha nova ponte sobre o río Eume

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso dos Deputados unha nova Proposición non de Lei (PNL) para garantir unha solución integral e urxente aos graves problemas de mobilidade derivados da situación da Ponte de Pedra, na N-651, que une os concellos de Cabanas e Pontedeume.

A iniciativa, presentada polo deputado do BNG Néstor Rego, dá cumprimento ao compromiso asumido nunha xuntanza cos dous concellos do Eume, na que o deputado se comprometeu a volver levar esta problemática á Cámara baixa ante a paralización inexplicada das obras de rehabilitación e a crecente incerteza sobre o futuro dunha infraestrutura clave para toda a comarca.

“A Ponte de Pedra é unha infraestrutura estratéxica para o Eume e Ferrolterra. A súa situación actual, cunhas obras iniciadas e logo paralizadas sen explicación, é inaceptábel e require respostas políticas claras e planificación”, afirmou Néstor Rego. O deputado do BNG subliñou que “non se pode xogar coa mobilidade diaria de milleiros de persoas nin coa actividade económica da comarca”.

Na PNL, o BNG reclama medidas inmediatas no caso de que as obras se retomen, como a suspensión temporal das peaxes da AP-9 entre Vilar do Colo e Miño, desvíos obrigatorios do tráfico non local, regulación do tráfico con persoal especializado, sinalización nos paneis informativos e a execución dos traballos en horario nocturno para minimizar as retencións.

Ao mesmo tempo, a iniciativa aposta por solucións estruturais de futuro, como a avaliación dunha nova saída da AP-9 no polígono de Vidreiro (Pontedeume), así como a dotación orzamentaria para estudar alternativas á rehabilitación actual, incluída a avaliación da posibilidade de construír unha nova ponte sobre o río Eume, adaptada ao volume de tráfico actual, reservando a Ponte de Pedra para uso peonil e ciclista.

“Esta iniciativa non é só para resolver un problema puntual, senón para poñer fin a décadas de improvisación e falta de planificación nun dos principais eixes viarios da comarca”, engadiu Rego, quen reiterou tamén a necesidade de avanzar na transferencia da AP-9 á Galiza para garantir unha autoestrada pública, galega e libre de peaxes.

Desde o ámbito municipal, o portavoz do BNG en Cabanas, Iago Varela, destacou que “esta PNL é froito dun traballo coordinado entre o BNG nos concellos e no Congreso”. “Levamos anos advertindo de que a Ponte de Pedra é un colo de botella sen alternativa real. O que está a pasar agora confirma que tiñamos razón: sen planificación, o colapso é inevitábel”, sinalou.

Pola súa banda, o portavoz do BNG en Pontedeume, Aarón Curbeira, puxo o acento na dimensión comarcal do problema. “Non estamos a falar só de Cabanas e Pontedeume, senón dunha infraestrutura básica para todo o Eume e Ferrolterra. A ausencia de información, a parálise das obras e a falta de alternativas xeraron unha enorme preocupación na veciñanza”, afirmou. Curbeira subliñou tamén que “é positivo que o Congreso volva debater esta cuestión, porque obriga ao Goberno do Estado a dar explicacións e, sobre todo, a tomar decisións”.

O BNG insiste en que o obxectivo final debe ser garantir unha mobilidade segura, fiábel e sen colapsos, acabar coa situación de incerteza actual e dar unha resposta á altura da importancia social e económica desta infraestrutura para a comarca do Eume.

Deja un comentario