Thursday 11 de December de 2025

O Concello apoia máis de cen proxectos sociais e veciñais con 331.000 euros


As tres convocatorias de concorrencia competitiva de Benestar Social permiten financiar 121 proxectos de entidades de iniciativa social, asociacións veciñais e colectivos de igualdade e diversidade. Nereida Canosa subliña que estas axudas “garanten estabilidade ao tecido asociativo e reforzan a cohesión e a participación nos barrios”

O Concello acaba de resolver as convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva da Área de Benestar Social correspondentes ao exercicio 2025, cun orzamento global de 335.000 euros e un importe finalmente adxudicado de 331.005,31 €. Estas axudas diríxense a apoiar proxectos de interese social vinculados á igualdade e á diversidade, ao movemento veciñal e ás entidades de iniciativa social que traballan no ámbito dos servizos sociais comunitarios.

A primeira das liñas resolve a convocatoria de subvencións destinadas a actividades ou proxectos de interese social en materia de igualdade e diversidade, dotada con 150.000 euros. A convocatoria, publicada no BOP núm. 104 do 3 de xuño, distribuíuse en dúas liñas: fortalecemento e empoderamento do movemento asociativo (60.000 €) e actividades de prevención das violencias machistas, defensa dos dereitos das persoas LGTBQI e promoción da igualdade de xénero (90.000 €). Presentáronse 48 solicitudes e concedéronse axudas a 24 proxectos da Liña 1 e 21 da Liña 2, cun importe total de 147.569,03 €, con contías que oscilan entre 829,07 e 6.753,87 €.

A segunda convocatoria específica diríxese ás asociacións veciñais, co obxectivo de apoiar o seu funcionamento ordinario e a dinamización de actividades de interese social, cívico e cultural. Cunha dotación global de 60.000 euros, estrutúrase nunha liña para gastos de funcionamento (25.000 €) e outra para programas, proxectos e actividades (35.000 €). En total presentáronse 32 entidades e resultaron beneficiarias 8 na liña de funcionamento e 20 na de actividades, cun importe repartido de 59.988,28 €, e contías entre 647,00 e 6.171,72 € na Liña 1 e entre 904,00 e 2.915,00 € na Liña 2.

A terceira liña correspóndese coa convocatoria de subvencións para entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolven actividades de interese social no ámbito dos servizos sociais comunitarios, cun crédito inicial de 125.000 euros. Presentáronse 48 entidades, que resultaron todas beneficiarias, cun importe total concedido de 123.448,00 € e axudas que van de 990,00 a 3.503,00 € por proxecto, en función dos criterios de valoración establecidos nas bases.

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou que estas tres convocatorias “reafirman o compromiso do Concello co tecido asociativo coruñés e co terceiro sector, que chegan a onde a Administración ás veces non pode chegar”. Ademais, abundou, “estas subvencións son unha peza clave da nosa política social: permiten soster proxectos que loitan contra a exclusión, promoven a igualdade real entre mulleres e homes, apoian a diversidade e fortalecen a participación activa da veciñanza na construción dunha Coruña máis xusta, coidadora e inclusiva”.

Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, destacou tamén o esforzo de mellora na planificación e xestión destas liñas: “Traballamos para que as entidades conten con marcos estables de financiamento, con procedementos transparentes e obxectivos claros, que lles permitan concentrarse no máis importante: acompañar as persoas e mellorar a súa calidade de vida”, indicou.

Deja un comentario