Nova cita este venres na Casa da Cultura de Fene con Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj
No marco do Ano Castelao e dentro da programación artellada pola Concellería de Cultura para o Nadal, a compañía Fantoches Baj achégase no seu último espectáculo á figura de Castelao a través da narración oral, dos monicreques, da música tradicional e do teatro de máscaras. Faino en Castelao, un corazón á intemperie, que se representa este venres, 12 de decembro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura. Entrada libre e de balde.
Con esta producción, artellada para conmemorar o 75º aniversario da morte de Castelao, “tanto as máis pequenas como as súas familias poderán acceder dun xeito ameno e divertido á obra do autor así como a episodios da súa vida en Galicia e no exilio. Unha proposta que desde a memoria e a interpretación ofrece un espazo para homenaxear a un dos ilustres de Galicia e reivindicar o galego como lingua propia para pensar, para escribir e para relacionarnos co mundo que nos rodea”.
Após a morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, nun tempo no que en Galicia non era posible chorar a súa perda, o dramaturgo e director de escena Daniel Varela Buxán decide render, nun acto privado diante da súa veciñanza, a súa particular homenaxe ao rianxeiro.
Varela Buxán fora o encargado de dirixir “Os vellos non deben de namorarse” na súa estrea absoluta en 1941 en Bos Aires e, a partires de aí, mantivo unha fonda amizade con Castelao. Por iso, para homenaxealo, Varela Buxán colocarase nun pequeno escenario onde trazará brevemente a peripecia vital de Castelao deténdose naqueles momentos literarios e artísticos que considera máis significativos. Entre outros, representará con marionetas parte da súa obra: contos de ‘Cousas’ (“Panchito” e a “Marquesiña”); narracións de ‘Retrincos’ (“Sabela” e “O inglés”), escenas de “Os vellos non deben namorarse” e o monólogo do esqueleto en “Un ollo de vidro”.
Espectáculo para público infantil e familiar.
Función organizada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.