Wednesday 10 de December de 2025

Tren do Nadal, pasarrúas, visita de Santa Claus e un espectáculo de monicreques para dinamizar A Pobra


· A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, foi a encargada de presentar as actividades, encadradas no programa Volve o Nadal, volven as Caramiñas.

A Concellería de Promoción Económica ten preparado un amplo programa de actividades para as vindeiras semanas. A oferta inclúe as rutas do Tren do Nadal, a visita de Santa Claus, pasarrúas e o espectáculo do Apalpador e Os Monifates. Todo cun claro obxectivo: “contribuír á dinamización social e económica da Pobra durante estas datas”.

As actividades están encadradas dentro do programa Volve o Nadal, volven as caramiñas. Por unha banda, as saídas do Tren do Nadal terán lugar desde este venres, 12 de decembro, ata o domingo, día 14. Todas as expedicións partirán desde a praza Alcalde Segundo Durán. En canto aos horarios, o venres sairán entre as 17.30 e as 20.30 horas; o sábado, de 11.00 a 13.00 e de 17.30 a 20.30 horas, e o domingo serán de 11.00 a 13.00 horas. Ao longo do percorrido, as persoas participantes pasarán polos xardíns Valle-Inclán, pola rúa Castelao, pola praia dos Areos e polas rúas principais do núcleo urbano para volver ao punto de partida.

Santa Claus

O sábado, 20 de decembro, ás 18.00 horas o Concello celebrará o desfile de Nadal polas rúas do municipio. Na comitiva tomará parte Santa Claus acompañado por unha comitiva de osos polares. Unha vez concluído, haberá unha recepción na praza de abastos na que os nenos e nenas terán a oportunidade de formularlle os seus desexos a Santa.

O mércores, 24 de decembro, a partir das 11.30 horas haberá un pasarrúas a cargo dos Dixie Kings con Paty Lesta. Por último, o sábado, 27 de decembro, os cativos e cativas poderán gozar do Apalpador e Os Monifates, un espectáculo que mesturá música e monicreques e que se celebrará a partir das 18.00 horas na praza de abastos.

Deja un comentario