O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entrega os galardóns aos centros gañadores deste concurso, ao abeiro da celebración do Mes da Ciencia en Galego
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe os premios aos cinco centros escolares das localidades coruñeses da Coruña e Laxe e das lucenses de Cospeito e Castroverde, que resultaron gañadores do Concurso Galego de Vídeos Científicos 2025. O certame está convocado, ao abeiro do Mes da Ciencia en Galego, pola Institución Galega da Ciencia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia co obxectivo de promover entre a rapazada a innovación científica en lingua galega.
No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estivo acompañado polo presidente de Igaciencia, Manuel Díaz Regueiro, e por alumnado e profesorado de centros premiados, aos que lle agradeceu a súa participación neste tipo de iniciativas. “Fomentan a creatividade desde un enfoque multidisciplinar para reafirmar o valor da lingua propia no ámbito científico nunhas idades onde é tan importante a motivación e os referentes”, celebrou.
Ciencia, lingua e mocidade
Na edición 2025 resultaron gañadores o instituto Menéndez Pidal da Coruña, polo traballo Estróbilo; o colexio de Infantil e Primaria de Laxe, polo vídeo científico Foguete de Cabo; o centro Eusebio da Guarda, da Coruña, por A Relatividade; a escola Virxe do Monte de Cospeito, polo proxecto O efecto invernadoiro e a escola de Castroverde, por Somos materia de estrelas.
A rapazada gañadora, que expuxo no acto os seus traballos, recibiu un premio económico por centro, un lote de libros e un diploma acreditativo como agasallo. Todos os vídeos cos proxectos premiados poden consultarse na páxina web de Igaciencia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.