A raíz das continuas denuncias por parte do Concello de Oleiros dos numerosos problemas no transporte público, a Xunta de Galicia comprometeuse a atender nun breve prazo de tempo as principais demandas trasladadas desde Oleiros. En calquera caso, o Goberno de Oleiros non cesará nas súas esixencias ata que se mellore o actual servizo.
Na reunión celebrada esta mañá entre representantes municipais e autonómicos, o alcalde reclamou novamente as distintas necesidades existentes, así como a urxencia de reforzar as liñas saturadas diariamente. A falta de confirmación oficial, que se materializaría en xaneiro, o Concello de Oleiros agarda que se cree dunha vez por todas unha liña entre Perillo e a universidade; que o bus Entrexardíns-O Seixal chegue ata o centro da parroquia de Nós; que se aumenten as conexións co polígono comercial de Iñás; e que se reforcen as liñas máis saturadas en horas puntas, aproveitando para incrementar as conexións a Abeleiras e Xaz.
En canto ao bus 1-A a Santa Cristina, o Concello volveu insistir na imposibilidade de pagar 50.000 euros á empresa Cal Pita mentres non estean debidamente xustificados. Se a empresa entende que ten dereito a percibir eses 50.000 euros debería reclamalo xudicialmente (cousa que ata o momento non fixo); pero en ningún caso iso debe ser impedimento para a chegada novamente do bus urbano da Coruña a Oleiros. Por parte do alcalde propúxose a sinatura dun novo convenio para recuperar o servizo este próximo verán.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.