• Crecen as queixas veciñais pola falta de luces mentres concellos como Oleiros, Arteixo, Sada ou Betanzos xa as acenderon hai días
• Os populares alertan do prexuízo para comercio e hostalería e sobre todo as parroquias rurais: “O único que brilla alí é o que poñen nas súas casas”
• Izaskun García, portavoz do PP: “Non pedimos ser Vigo; pedimos xestión e planificar para que o ambiente do Nadal chegue a tempo tamén a Culleredo”
O Partido Popular de Culleredo denuncia a falta absoluta de previsión e xestión do goberno local de José Ramón Rioboo, despois de que, a estas alturas do mes, Culleredo siga “sen rastro” de iluminación de Nadal en rúas e prazas. O PP faise eco do malestar veciñal polo “apagamento do Nadal”, con queixas constantes pola rúa e en redes sociais preguntando que ocorre e por que o municipio continúa ás escuras mentres a maioría de concellos da comarca xa acenderon as súas luces desde hai días ou semanas.
A situación, ademais, non é unha casualidade. “Rioboo chega tarde, outra vez”, advirte a portavoz popular, Izaskun García. O contrato municipal do alugueiro e instalación da iluminación decorativa segue en licitación e o prazo de presentación de ofertas non finaliza ata mañá, 11 de decembro, de maneira que, a estas alturas de calendario, o Concello nin sequera anunciou unha data oficial de aceso. “Non se trata de ser Vigo, o que pedimos é básico: xestión e planificación para que o ambiente do Nadal chegue a tempo tamén a Culleredo”, asegura.
O PP subliña o agravio comparativo coa contorna: A Coruña acendeu a iluminación o 28 de novembro; Betanzos, o 29; Oleiros, o 1 de decembro; e Arteixo e Sada, o 5. “Aquí, en cambio, seguimos sen rastro de luces: só rúas ás escuras. E iso afecta o comercio, á hostalería e ao ambiente no concello”, di García.
Ademais, os populares denuncian que se está trasladando información enganosa a veciños que chaman ao Concello preguntando polas luces: “Dinlles que están a piques de colocalas, cando nin sequera adxudicouse o servizo”. A portavoz do PP de Culleredo lembra, ademais, que o ano pasado, coa licitación pechada antes, o 26 de novembro, a formalización do contrato chegou dúas semanas despois, o 11 de decembro. “Se este ano repítense prazos parecidos, imos camiño de chegar a vésperas de Noiteboa sen luces”, sinala Izaskun García.
O problema, recalcan os populares, agrávase nas parroquias rurais. “As actividades do Nadal municipais concéntranse en zonas urbanas, pero en moitas parroquias o Nadal nótase, sobre todo, cando se acenden as rúas. Este ano, sen iluminación municipal, o único que brilla é o que poñen os veciños nas súas casas”, lamenta.
Por último, o PP critica o que considera unha “contradición” do goberno local: mentres o alcalde e membros do seu equipo acudiron ao aceso de luces de Nadal de Coruña The Style Outlets o pasado 14 de novembro, Culleredo segue sen iluminación municipal semanas despois. “Non é un fallo puntual: é a forma de gobernar deste alcalde. Con Rioboo, Culleredo está sempre ás escuras: cero previsión e cero soluciones”, advirte Izaskun García.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.