Preto de 30 actividades integran o cartel do Concello
Ribeira entra de cheo nesta época festiva cunha axenda repleta de actividades para tódolos públicos, con especial énfase naquelas de carácter infantil e familiar. Preto de 30 accións integran o cartel deseñado pola Concellería de Cultura en colaboración con outras áreas municipais e o tecido asociativo. Así, non faltarán os espectáculos no novo Auditorio municipal, as rúas musicais, os actos do tecido social, a visita dos Reis Magos ás parroquias, unha exposición, o Nadal nas parroquias, o Recuncho de Nadal, o expreso de Oriente, a festa de Noitevella, o Belén Vivinte, a cabalgata de Reis ou o Pekenadal.
“En Ribeira xa levamos tempo quecendo motores para o Nadal. Tivemos xa a presentación dos concursos de embelecemento, o certame de deseño de cartel e postal, e espectáculos que chegan á nosa localidade por estas datas, festivais das entidades locais… E agora xa entramos de cheo coa presentación dunha programación ambiciosa coa que desfrutar tódalas idades da época máis máxica do ano en tódolos recunchos do noso municipio. E, por suposto, aquí teñen un lugar importante as parroquias, onde haberá a visita dos Reis Magos e actividades de Nadal. Tamén o novo Auditorio municipal se converterá en epicentro dos espectáculos no noso municipio con musicais, monólogos, maxia, teatro, ballet clásico… E quero agradecer a implicación das nosas entidades que, co seu dinamismo, fortalecen a vitalidade cultural da que goza Ribeira. Serán unhas semanas que viviremos con moita ilusión, moita viveza e moita cultura”, en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro, acompañada dos técnicos municipais de Cultura, Unai González e Sara García.
O novo Auditorio, epicentro cultural na cidade
Coincidindo coas vacacións escolares, a partir do 22 de decembro, haberá espectáculos infantís de maxia, monicreques e música gratuítos, con compañías como Teatro Ghazafelhos, Gramola Gominola (estas dúas a través do Nadal na Rede da Secretaría Xeral da Lingua), Pablo Díaz ou Mago Paco, ademais doutras accións como o concerto de Aninovo do grupo A Misela de Noia. Todas elas serán de balde, con entrada dende media hora antes do seu inicio.
Haberá tamén espectáculos a billeteira como o espectáculo Aquí Tou!, de Touriñán; o musical The Grinch, con Cantaruxa; ou a danza con El lago de los cisnes e El Cascanueces, da man do Ballet Clásico Internacional. As entradas continúan á venda en www.ataquilla.com. Tamén terán presenza neste espazo as entidades locais cos seus festivais ou o Concerto de Confraternidade da Coral Municipal de Ribeira e da Coral do Círculo Mercantil de Ribeira, se ben este último se celebrará na igrexa parroquial de Santa Uxía.
Nadal en tódolos recunchos
O Nadal chegará a tódalas parroquias con inchables, Carteiro Real, obradoiros e sesión disco, de 17.00 a 20.00 horas. En Corrubedo, no centro social e exterior no luns, 22 de decembro; en Castiñeiras, na casa da cultura e exterior, no martes, 23 de decembro; en Artes, no pavillón do colexio, no venres, 26 de decembro; en Palmeira, no pavillón Alcalde Torres Colomer, no sábado, 27 de decembro; en Oleiros, no centro social e exterior, no luns, 29 de decembro; en Olveira, no pavillón de Sirves, no martes, 30 de decembro; en Carreira, no centro social e exterior, no venres, 2 de xaneiro; e en Aguiño, no pavillón CEIP Heroínas de Sálvora, no sábado, 3 de xaneiro.
Xa para o centro da cidade se configura o Recuncho de Nadal na praza de Porta do Sol co Apalpador, Papá Noel e o Carteiro Real. O acto de apertura será cos Bolechas (mediante a Rede de Dinamización Lingüística) no martes, 23 de decembro, ás 18.00 horas.
Ademais, o expreso de Oriente levará á rapazada no 24, 27 e 31 de decembro polo núcleo urbano, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, con saída e chegada da praza do Concello.
E poderase contemplar o nacemento co belén vivinte instalado na praza do Concello, no 5 de xaneiro, a partir das 18.00 horas.
Visita das Súas Maxestades de Oriente
Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Ribeira por partida dobre no 5 de xaneiro. Pola mañá e primeiras horas da tarde estarán nas parroquias retomando o Bus Real que, como novidade, este ano será nun autobús histórico. Empezarán o seu periplo pola Capela da Guía, en Carreira, para seguir pola Aula de Música de Aguiño; porto de Castiñeiras; porto de Palmeita; centro social de Oleiros; Hospital da Barbanza; centro recreativo de Artes; rúa das Delicias de Corrubedo; e casa da cultura de Olveira.
E, ás 18.00 horas, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegarán ao porto de Ribeira, ás 18.00 horas, para saír dende a rúa de Canarias e percorrer o centro da cidade na tradicional cabalgata que será inclusiva. Ao final, pronunciarán o seu discurso e recibirán á rapazada dende a praza do Concello.
Música a pé de rúa
Máis alá dos espazos pechados, a celebración chegará ao exterior con Rúas Musicais co Grupo Claxxon e Charanga Fanfarria Furruxa, ademais da festa para dar a benvida ao 2026 na madrugada do 1 de xaneiro, con sesión musical a cargo de Planet Discomóbil, na carpa de Bandourrío, a partir das 01.00 horas.
Outras actividades culturais
Pilar Ageitos inaugurará a súa exposición Besties no venres, 19 de decembro, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. E, esta mesma instalación cultural, acollerá no sábado, 27 de decembro, ás 12.00 horas, o Pekenadal con Danzando coas estacións.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.