Wednesday 10 de December de 2025

Neda programa o espectáculo “Kyoki”, que achega o tema da demencia ao público infantil e familiar


O Concello de Neda programa este domingo, a partir das 18:30 horas, na Casa da Cultura o espectáculo teatral “Kyoki”. Unha obra sen palabras de Elefante Elegante, destinada ao público infantil e familiar, que aborda o tema da perda da memoria, da vellez e da soidade. Dende hoxe e ata o venres actívase a reserva e venda anticipada de entradas na biblioteca municipal.
“Kyoki” (demencia, en xaponés) ofrece, segundo apunta a compañía, “unha ollada cómplice, reflexiva e sensible” ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas, como consecuencia das alteracións na capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións, como as propias coidadoras. E así, María Torres interpreta a avoa, á filla e á doutora.
A través dunha linguaxe xestual, baseada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, Elefante Elegante crea neste espectáculo un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá.
As entradas para a obra, que anticipa a programación especial de Nadal e vai dirixida a un público de cinco anos en diante, teñen un coste de 2 euros para o público adulto, e de 1 euro para os nenos e nenas, poden retirarse na biblioteca municipal ata o venres na biblioteca, de 9 a 13 e de 17 a 20 horas, e o propio domingo, a partir das 17 horas. A obra chega a Neda co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña.

Deja un comentario