Wednesday 10 de December de 2025

Turismo de Galicia inviste máis de 1,2M€ na mellora dos cruces dos Camiños Xacobeos Fisterra-Muxía e primitivo


― A Xunta investirá máis de 600.000 euros na optimización da ruta que percorre a Costa da Morte e 561.000 euros nas obras do Camiño máis antigo

― As actuacións forman parte dun conxunto de medidas para mellorar a experiencia xacobea con vistas ao Xacobeo 2027, entre as que se atopa o Plan de Seguridade Viaria do Camiño dotado con case 40M€ que se executará

Turismo de Galicia vén de licitar a través da súa publicación na plataforma de contratación, as obras de mellora da seguridade vial en cruces coas estradas autonómicas, municipais e provinciais dos Camiños de Santiago Fisterra-Muxía e Primitivo co horizonte do Xacobeo 2027. En total, a Xunta inviste nas dúas actuacións un total 1.254.359,38 euros destinados a mellorar a integridade dos camiñantes ao seu paso por cruces que interfiran con vías de tráfico rodado. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de decembro.
Na actuación a realizar no Camiño Fisterra-Muxía, a Xunta investirá 693.163,65 euros, mentres que no Camiño Primitivo, o custe das obras de mellora da seguridade vial ascenderá a 561.195,73 euros.
Turismo de Galicia enmarca estas actuacións nunha planificación global de mellora da seguridade e da experiencia do peregrino que percorre o Camiño de Santiago. Así, ademais de actuacións coma as licitadas estes días, hai que ter en conta o Plan de Seguridade Viaria do Camiño de Santiago que pretende actuar en máis de 150 quilómetros dos nove Camiños de Santiago para afastar aos peregrinos das zonas perigosas de circulación e que conta cun investimento de ata 40M€.
Concretamente, as dúas actuacións licitadas estes días teñen como obxectivo garantir a seguridade dos peregrinos e demais usuarios a través da creación dun itinerario de pavimento de pedra transitable polos camiñantes en épocas de choivas, creando á súa vez unha senda peonil independente das estradas. Do mesmo xeito, ponse en valor o trazado do Camiño sobre todo na contorna rural de Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento económico deste territorio.
En concreto, nas dúas licitacións de mellora dos cruces tanto no Camiño Fisterra-Muxía coma no Primitivo, Turismo de Galicia realizará actuacións de optimización da sinalización vertical tanto das estradas interceptadas coma dos propios Camiños; colocará un pavimento diferenciador para advertir aos condutores do paso de peregrinos e provocar que reduza a velocidade, e acondicionará os itinerarios xacobeos na contorna dos cruces. O prazo de execución das obras será de 8 meses en cada caso.
Turismo de Galicia desenvolve estas dúas actuacións no marco do seu compromiso por mellorar a experiencia xacobea dos milleiros de peregrinos que cada ano percorren o Camiño de Santiago. No que vai de ano, máis de 528.000 camiñantes recolleron a Compostela, dos cales, 27.784 fixeron o Camiño Primitivo e case 3.000 o Fisterra Muxía.
Neste último itinerario, hai que ter en conta o fluxo de peregrinos que tras chegar a Compostela deciden continuar a súa experiencia para rematar nalgunha destas dúas vilas da Costa da Morte. Segundo os datos dos sensores instalados por Turismo de Galicia para medir o fluxo de peregrinos que se dirixen cara estes puntos, desde agosto a novembro deste ano, 11.638 peregrinos continuaron a súa experiencia ata Muxía e 28.470 ata Fisterra.

Deja un comentario