Wednesday 10 de December de 2025

O Concello de Carral perde máis de 300.000 en subvencións para Servizos Sociais


A mala xestión do novo goberno municipal provoca unha perda, no último mes, de máis de 300 mil euros en subvencións promovidas dende a Deputación de A Coruña e Xunta de Galicia para o reforzo das áreas de Servizos Sociais dos Concellos.

O grupo de Alternativa dos Veciños de Carral denuncia que o Concello de Carral vén de perder máis de 300.000 euros en subvencións destinadas a programas esenciais de Servizos Sociais, consecuencia directa da inacción e falta de xestión do señor Mouriño ao fronte da área.

Nun só mes quedaron sen solicitarse ou sen presentarse liñas de axudas fundamentais, a pesar de contar con prazos amplos, información previa e recursos técnicos municipais para tramitalas. Trátase de subvencións pensadas para reforzar a atención ás persoas máis vulnerables do municipio:

Programa de Inclusión Social 2025–2027 (FSE+): apoio a familias en situación de vulnerabilidade.

Envellecemento Activo 2026: iniciativas contra a soidade non desexada e para mellorar a calidade de vida das persoas maiores.

Programa de Igualdade 2026: reforzo técnico para a prevención das desigualdades e das violencias machistas.

Axudas para vehículos de Servizos Sociais: mellora da atención domiciliaria e dos desprazamentos asistenciais.

Segundo denuncia o grupo Alternativa dos Veciños , o señor Mouriño non se molestou sequera en solicitar, presentar ou coordinar cos técnicos municipais ningunha destas convocatorias, deixando escapar recursos que estaban especificamente destinados a mellorar a atención social en Carral.

“Falamos de máis de 300.000 euros perdidos por deixadez. É unha irresponsabilidade que afecta directamente ás familias, ás persoas maiores e aos colectivos que máis apoio precisan no noso municipio”, sinalan.

Desde o grupo de Alternativa dos Veciños consideran que esta situación evidencia unha grave falla de planificación e compromiso no departamento máis sensible do Concello

“Carral non pode permitirse perder axudas tan necesarias. A veciñanza merece unha xestión seria e eficaz, especialmente nos servizos que atenden ás persoas máis vulnerables”, conclúen.

Deja un comentario