Wednesday 10 de December de 2025

O BNG presenta en Palmeira os avances acadados tras investir 900.000€ e novos proxectos que seguirán transformando a parroquia


O BNG de Ribeira celebrou este 9 de decembro en Palmeira a segunda das reunións incluídas no ciclo “Parroquias con voz”, un encontro que volveu contar cunha participación moi elevada e que permitiu abrir un espazo de diálogo directo coa veciñanza. Durante a xuntanza púxose en común o traballo desenvolvido nos últimos dous anos e medio, ao tempo que se recolleron propostas e necesidades que a veciñanza quixo trasladar directamente ao BNG.

O portavoz municipal e exalcalde, Luís Pérez Barral, acompañado de concelleiras do grupo municipal, agradeceu “a enorme resposta da xente de Palmeira e a súa vontade de participar activamente na mellora da parroquia”. Destacou tamén que estes encontros “confirman que existe un forte interese da veciñanza por coñecer o traballo feito e por manter canles estables de participación e transparencia. A veciñanza quere ser escoitada e gústalle participar dun modelo que pon as persoas no centro e pensa nas necesidades das parroquias”.

Durante a xuntanza tamén se abordaron varios temas como a necesidade de mellorar o transporte público, aplicar medidas de calmado de tráfico en determinadas zonas onde se rexistran velocidades excesivas así como propostas para mellorar a ordenación viaria e de estacionamentos.

900.000 euros investidos en Palmeira en dous anos e medio
Durante a súa intervención, Pérez Barral destacou que o conxunto das obras e melloras executadas en Palmeira neste período ascenden a 900.000 euros, unha cifra moi positiva que reflicte como as políticas emprendidas co BNG na Alcaldía se melloraron as parroquias e se atenderon as demandas da veciñanza”. Segundo destacou o portavoz nacionalista, estas actuacións supoñen “un antes e un despois na calidade de vida xa que se atenderon demandas veciñais que levaban anos pendentes”.

Renovación do parque da Rochela 45.000€
Renovación do parque Horta do Cura e mellora da contorna 140.000€
Dotación de auga potable e saneamento en Lixó 150.000€
Dotación de saneamento en Lombas 207.000€
Renovación servizos de auga potable, saneamento e pavimentación na rúa da Cambra 82.000€
Renovación da liña de auga potable na rúa Barreiro 38.000€
Pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Agriña (Palmeira) 116.000€

Proxectos previstos e xa orzamentados

Pérez Barral explicou tamén que o seu goberno deixou planificados e financiados novos investimentos que continuarán mellorando a parroquia nos vindeiros meses. Entre eles destacou a ampliación liña auga poitable na rúa Riazor cunha dotación de 115.500€ e tamén a pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Agriña orzamentada en 116.000€.

“Fixéronnos unha moción de censura a pesar de que a xente estaba contenta cun goberno que funcionaba. Fronte a débeda de 13 millóns de euros que nos deixou o PP, o BNG deixa traballo feito con proxectos redactados e orzamento preparado para seguir mellorando as parroquias”, subliñou.

Aposta pola transparencia e pola escoita activa
O BNG destacou que esta xuntanza en Palmeira reforza o modelo de participación iniciado no anterior mandato: achegar ás parroquias información clara sobre o traballo feito, manter un diálogo constante e permitir que a veciñanza forme parte das decisións que afectan ao seu día a día.

“Estamos moi agradecidos pola resposta que estamos recibindo nestas reunións. A xente transmítenos cariño, apoio e moita confianza no traballo realizado. Saber que a veciñanza valora o esforzo e que quere seguir falando connosco dálle forza ao noso compromiso de seguir traballando con honestidade e proximidade”, destacou Pérez Barral.

Vindeiras citas nas parroquias
O ciclo “Parroquias con voz” continuará esta semana coas reunións previstas en:

Carreira, martes 16 de decembro ás 19:30h no Centro Social

Aguiño, mércores 17 ás 19:30h na Confraría

As restantes encontros desenvolveranse despois do Nadal e serán anunciadas a través dos canais oficiais do BNG de Ribeira.

Deja un comentario