Precisa que cun orzamento que supera os 3,4 millóns de euros, esta iniciativa beneficiará ao redor de 2.400 familias, “ao dobre de pais que o viñan percibindo”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do Bono Concilia, as axudas destinadas ás familias que tendo solicitado unha praza nas escolas infantís sostidas con fondos públicos, non a obteñan; así como a aquelas familias que residan nun concello onde non existen centros con prazas públicas. “E, co obxectivo último de lista de espera cero”, engadiu.
O titular da Xunta precisou que o Bono Concilia conta cun orzamento que supera os 3,4 millóns de euros e permitirá ás familias contar cunha subvención para acudir a calquera escola infantil privada que escollan. “Con este orzamento estímase que se chegará ao redor de 2.400 familias con nenos de 0 a 3 anos, é dicir, ao dobre de pais que o viñan percibindo”, dixo, o que significa que o próximo curso se incrementan un 105% as axudas que se destinan a estes casos.
Para ser beneficiarias, as persoas solicitantes deben ter un neno nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 e non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade. E seguirán tendo prioridade aqueles nenos que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, de xeito que se poida dar continuidade á súa escolarización no mesmo centro.
Así mesmo, a contía que se percibirá pola escolarización a xornada completa con comedor oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros para as rendas máis baixas; e a media xornada con comedor oscila entre os 22,5 e os 125 euros. E, estas axudas aboaranse mensualmente de xeito directo ás familias.
Como novidades, Feijóo explicou que esta convocatoria avanza na adaptación ás necesidades das familias, coa posibilidade de concesión do bono a aquelas nas que os dous pais traballen en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que tendo dereito a praza pública, esta non lles resolva as súas demandas de horario. E promociónase, tamén, o dereito á escolarización de irmáns no mesmo centro.
Outra das melloras da convocatoria é a extensión do programa a aquelas familias nas que, residindo en concellos onde non existan escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, se produza un nacemento fóra do prazo establecido na convocatoria desta axuda.
Logo de precisar que se establece ademais a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito da convocatoria, o presidente da Xunta concluíu incidindo en que esta medida enmárcase dentro do Programa de apoio á natalidade.