— Marisol Díaz subliña que a competencia para manter limpas as zonas que rodean as cidades e áreas urbanas é municipal e insta aos concellos a implicarse na xestión da biomasa e da maleza nestes puntos para afastar a estes animais das zonas poboadas
— A responsable autonómica propón bonificar as taxas a aqueles Tecores que realicen capturas por riba do cupo establecido en cada plan anual e estudará a posibilidade de empregar outras modalidades cinexéticas alternativas, como a caza con arco
— Lanza unha mensaxe de tranquilidade ante a aparición de casos illados de peste porcina e agradece a implicación dos cazadores para apoiar accións neste eido
— A conselleira do Medio Rural celebrou unha nova reunión co sector porcino, dentro do compromiso da Xunta de ter aberta unha canle permanente de contacto para avaliar a situación e reforzar a cooperación nas medidas de bioseguridade nas explotacións
O grupo de traballo para a xestión do xabaril en Galicia avalou hoxe as propostas trasladadas por parte da Xunta co fin de reforzar e mellorar a eficacia das medidas para o control das poboacións desta especie na Comunidade a raíz da recente aparición de casos de Peste Porcina Africana (PPA) en Cataluña e como complemento ás accións que actualmente xa están en marcha.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, presidiu esta mañá a reunión deste órgano interdisciplinar, constituído hai anos para coordinar e propoñer accións conxuntas para a xestión da especie en Galicia e integrado por representantes das administracións titulares de estradas na Comunidade (Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Axencia Galega de Infraestruturas); da Garda Civil de Tráfico e de Seprona; da Unidade de Policía Adscrita de Galicia; das Consellerías do Medio Rural e de Sanidade; da Fegamp; da Federación Galega de Caza; das sociedades de caza; e dos sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego).
En concreto, a responsable autonómica amosouse disposta a estudar algunhas modalidades de caza alternativas que se propuxeron na reunión (por exemplo, o recurso a arqueiros), e defendeu tamén a posibilidade de incentivar con bonificacións, mediante a exención de taxas e outras medidas, a aqueles Tecores que acrediten estar cumprindo integramente co cupo de capturas asignado a través do correspondente plan anual.
En todo caso, e en resposta á inquedanza compartida por varios dos asistentes sobre a situación xerada polas incursións de xabarís en estradas galegas e o aumento da presenza deste animais en zonas urbanas e periurbanas de Galicia, Díaz aproveitou a reunión para incidir tamén en que a competencia para manter limpos os espazos, infraestruturas e fincas que rodean as cidades é municipal.
Neste sentido, instou á Fegamp a recordarlle ás entidades locais as súas obrigas neste eido e a necesidade de implicarse activamente na xestión da biomasa e da maleza que se adoita acumular nestes puntos para afastar aos xabarís das zonas poboadas e evitar así que atopen neles alimento e lugares idóneos para o encame.
Conferencia Sectorial
Así mesmo, Marisol Díaz aproveitou a asistencia á reunión de representantes do sector agrario para insistir na necesidade de abordar a actual situación desde a tranquilidade, incidindo en que a aparición da PPA en España se circunscribe polo momento a Cataluña, onde as autoridades dan a enfermidade por controlada.
En todo caso, reiterou que, tratándose dun problema nacional, as accións a implementar e o esforzo económico correspondente non poden proceder só das comunidades. Así, cómpre lembrar que o Executivo galego xa solicitou a convocatoria inmediata dunha Conferencia Sectorial específica e conxunta (con participación dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) para coordinar a nivel nacional as actuacións en relación coa PPA, co obxectivo final de que sexan homoxéneas naquelas cuestións que afectan a todo o país.
Así mesmo, reclámase un esforzo especial ao ministro Planas á hora de buscar acordos de rexionalización nas exportacións, co fin de minimizar o impacto da doenza, localizada na provincia de Barcelona, na comercialización exterior dos produtos porcinos.
Nesta mesma liña, os traballos de xestión do xabaril han de levarse a cabo en continuo, como ven facendo a Xunta desde hai anos. Así o demostran as medidas de control adoptadas ata o momento, como a declaración da emerxencia cinexética —en vigor ata o 22 de febreiro—, ou a autorización da súa captura durante case todo o ano mediante distintas fórmulas adicionais ao período ordinario de caza, e tamén as novas medidas avaliadas hoxe polo grupo de traballo para a xestión do xabaril.
Reforzo da colaboración co sector porcino
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Baleiros, mantivo esta mañá unha nova reunión de traballo con responsables da Federación Galega de Porcino (Fegapor), para escoitar as súas demandas e preocupacións e afondar na colaboración diante dos focos localizados en Cataluña de PPA.
O encontro súmase ao mantido o pasado luns, día 1 de decembro, entre representantes do sector e técnicos da Consellería, por este mesmo motivo, así como á reunión celebrada coas organizacións profesionais agrarias o mércores día 3.
Estas xuntanzas veñen plasmar o compromiso da Xunta de manter aberta unha canle permanente de contacto co sector para avaliar a situación e a evolución dos acontecementos, así como para reforzar a cooperación en medidas clave, como as relacionadas coa bioseguridade nas explotacións porcinas, co fin de evitar posibles contaxios con fauna salvaxe.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.