Wednesday 10 de December de 2025

A Xunta levará este Nadal propostas culturais en galego por medio cento de concellos


— Música, teatro, humor, maxia ou contacontos conforman un abano de actividades coas que se fomenta o emprego da nosa lingua na oferta de lecer para estas datas

— Complétase co tradicional ‘Nadal dos Bolechas’ e seis espectáculos da compañía Pistacatro, que acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Circo 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe a tradicional programación de Nadal en Rede, a campaña de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia e que celebra a súa décimo cuarta edición achegando propostas de lecer en galego, dirixidas á rapazada e público adulto, por preto de medio cento de concellos durante esta época festiva.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que estivo acompañado polas compañías artísticas que participan, explicou que nesta iniciativa “búscase propor alternativas de ocio para todos os públicos, tanto cativada como persoas adultas”. Neste senso, sinalou a importancia de “que a cidadanía poida gozar durante estas festas de diversas actividades na nosa lingua”.

Ademais, Valentín García tamén avanzou que a esta programación súmase a xa tradicional xira de Nadal dos Bolechas e seis espectáculos diferentes, tamén dirixidos a público familiar, da compañía Pistacatro, Premio Nacional de Circo 2025, cuxas datas concretaranse nos vindeiros días.
Música
O grupo de música infantil A Gramola Gominola participa na programación de Nadal en Rede con panxoliñas a ritmo de rock. A banda formada por Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz ofrece un espectáculo onde soarán as cancións do seu cuarto disco, O Nadal coa avoa Fina.
Esta actuación musical pensada para a cativada e público familiar percorrerá neste mes de decembro os municipios pontevedreses de Poio, o 19 de decembro; de Sanxenxo, o 23; A Estrada e Pazos de Borbén, o día 27, ás 12,30 e 19,00 horas, respectivamente; o coruñés de Ribeira, o día 29; e o lucense de Chantada, o 30 de decembro.
Comedia
O teatro e o humor estarán presenten tamén a través de Saaabor de Nadal, unha comedia para todos os públicos dirixida por Avelino González, interpretada por Félix Rodríguez e Fran Rei e con escenografía de Kukas. Trátase dunha peza que mestura música, maxia, humor, moito ritmo e participación do público, co universo da gastronomía e destas festas de fondo.
Visitará este espectáculo teatral o concello lucense de A Pontenova, o día 13 de decembro, seguiralle Frades, o día 22 de decembro; Chandrexa de Queixa, o 27; Ponte Caldelas, o 29 de decembro, ás 12,00 horas, e o mesmo día, ás 20,00 horas, representarase en Moraña.
Concerto de Ecoralia
A música infantil de Pakolas estará presente neste Nadal en Rede no concello pontevedrés de Vila de Cruces, o 18 de decembro, e no coruñés de Mugardos, o 28 de decembro.
En ambas as dúas localidades, levará o proxecto Ecoralia, que afonda na importancia dos alimentos ecolóxicos para coidar o medio natural.
‘Santalices. O legado’
Verónica Santalices e Federico Welicki ofrecen esta Nadal o concerto didáctico Faustino Santalices. O legado, dedicado ao gaiteiro e musicólogo de Bande. No mundo da música tradicional, o seu nome soa con respecto e admiración, polo que con esta proposta preténdese dar a coñecer en todos os ámbitos a súa figura e relevancia cultural e musical en Galicia.
Con este obxectivo, nestas datas esta actividade divulgativa, dirixida a todos os públicos, estará no concello lucense de Viveiro, o 26 de decembro, e no coruñés de Fisterra, o día 30 do mesmo mes.
‘Cantares e contares!’
Desde a Rede de Dinamización da Secretaría Xeral da Lingua péchase o ano dedicado ás cantareiras e á poesía popular galega con Tres Pesos, un trío de música tradicional formado por Felisa Segade (voz e percusión), Xoan Porto (gaita, clarinete, voz e percusión) e Xosé Antón Ferreira, máis coñecido como Pepe de Calo (acordeón, voz e percusión).

Son tres músicos unidos tras unha rica traxectoria que agora xunta experiencia e afinidade para alimentar un proxecto en común. Co obxectivos de que a roda da transmisión oral non se deteña, o concerto de Tres Pesos para este Nadal en Rede amplía o campo máis aló das cantigas e comparte co público unha ducia de Cantares e contares! entrañables que percorrerán o concello pontevedrés de Bueu o 22 de decembro e os coruñeses de Cerceda e Neda, os 23 e 26 de decembro, respectivamente.

Espectáculo ‘Vicki e a felicidade’
O humor ateiga estes festexos e tamén a programación de Nadal en Rede, que suma o espectáculo de teatro infantil de Bandullo Azul que leva por título Vicki e a felicidade. Trátase dunha viaxe a través da maxia e da música que mostra a importancia da empatía, da igualdade e dos coidados que melloran as nosas vidas e as das persoas que nos rodean.

Percorrerá o municipio coruñés de Ares, o 19 de decembro; o lucense de Outeiro de Rei, o día 20; o pontevedrés de Meaño, o 23, e o coruñés de Abegondo, o 29 dese mesmo mes.

Maxia ‘Gale-pop!’
Francisco Castro & Banda traerá a Nadal en Rede a maxia de Gale-pop, música da man dos éxitos do pop galego dos últimos anos. Estes temas mostran a rica tradición musical galega, que vai máis aló das pezas tradicionais.

As súas divertidas interpretacións ao ritmo deste estilo musical estarán no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, o 19 de decembro; no coruñés de Coristanco, o 26 de decembro, e no lucense de Becerreá, o día 27 deste mesmo mes.

Melodías tradicionais en ‘Xiro’
Xiro é o territorio onde conversan as melodías tradicionais cantadas pola voz e percusións de Icía Kirk co saxo de Andrés Pérez e o acordeón de Xan Pampín. Un diálogo que agroma da linguaxe da música e do baile tradicional de Galicia.

Este grupo de nova creación, nado en 2025, actuará no municipio coruñés de Outes, o 21 de decembro; no lucense de Viveiro, o 23 de decembro; no pontevedrés de Lalín, o día 26 deste mesmo mes; para o día seguinte completar a súa actuación no ourensán de Manzaneda.

Concerto ‘Solsticio de inverno’
Neste concerto, Ugía Pedreira abre un novo capítulo creativo no que dialogan, con naturalidade e forza, as súas composicións máis recentes e o repertorio tradicional que a acompaña desde a infancia. Cantareira de raíz fonda e creadora de mirada contemporánea, convértese nesta proposta nun fío que une xeracións, territorios e linguaxes.

A coñecida intérprete revisita a tradición desde o presente, iluminando as coplas antigas con novas narrativas e ampliando o seu universo musical, cunha voz poderosa, sensible e profundamente galega. Farao no concello ourensán de Ribadavia, o 14 de decembro, e no lucense de Ribadeo, o 28 do mesmo mes.

Espectáculo de narración oral de Celso Sanmartín
Contar é o espectáculo de narración oral a cargo do contador Celso Sanmartín, que recolle os seus relatos da tradición, verdadeiro tesouro de historias, e transmíteas con humor para todo tipo de públicos.
Con Contar estará presente nos concellos lucenses de Bóveda e Carballedo, os días 14 e e 21 de decembro, respectivamente. Seguiralle en Nadal en Rede a súa escenificación no coruñés de Ponteceso, o 26 de decembro; no pontevedrés de Forcarei, o 27 de decembro e no coruñés de Arzúa, o día 28 deste mesmo mes.
‘As lamberetadas de Nadal’
Os Bolechas volven nestas datas cunha proposta teatral, As lamberetadas de Nadal, pero chea tamén de música, que fará as delicias dos pequenos e pequenas da casa. No marco de Nadal en Rede estará presente no concello coruñés de Vimianzo, o 21 de decembro e nos ourensáns de Xinzo de Limia e O Barco de Valdeorras, o 22 e 23 de decembro, respectivamente.

Tamén estarán de xira con esta programación de Nadal no municipio pontevedrés de Bueu, o 26 de decembro; no coruñés de Padrón, o día 29; e nos lucense de Viveiro e Foz, os días 2 e 3 de xaneiro, respectivamente. Complétase cos pontevedrés de Redondela, o 4 de xaneiro.
Ademais, Fisterra acollerá entre os días 22 e 26 de decembro un total de catro sesións dun obradoiro de xogos de mesa en galego a cargo de Brazolinda. Será no Mercado Cultural.

Premio Nacional de circo
A maxia do circo tamén ateigará a programación de Nadal en Rede con 6 espectáculos destinados a público familiar a cargo da compañía Pistacatro, que acaba de ser recoñecida con Premio Nacional de Circo 2025.

Neste Nadal, representarán UP2DOWN, de circo-danza-funambulismo; Autoestopista Intergaláctico; Trasno, con Pablo Reboleiro, CIGANÍ, con Antón Coucheiro; Circanelo, con Alfredo Pérez Muiño, e NONO, con Arturo Cobas.
A información coas datas exactas, lugares e horas destes espectáculos, como do resto da programación de Nadal en rede pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Deja un comentario