A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presentou o proxecto ‘30 anos con Concha Castroviejo’, que desenvolverá a cooperativa Maos e conta coa xornalista Marga Tojo e a colaboración especial de Nanina Santos, clave na recuperación da figura da xornalista, escritora e crítica literaria compostelá, que foi inxustamente esquecida. O proxecto ten como obxectivo, precisamente, transformar o esquecemento desta figura pioneira nunha merecida reivindicación.
Este mes de decembro de 2025 cúmprense 30 anos do pasamento da escritora, crítica literaria e xornalista Concha Castroviejo Blanco-Cicerón. Baixo a idea de popularizar a súa figura, o Concello quere facer realidade o título deste proxecto ‘30 anos con Concha Castroviejo’, transformando o esquecemento nunha merecida reivindicación. No acto de presentación tamén estivo a directora de área de Políticas Sociocomuniarias, Clara Ortega, e Xiana Iglesias, de Maos, cooperativa que organiza a actividade.
“É un momento extraordinario para poñer en valor, divulgar, promocionar unha muller aberta, adiantada ao seu tempo, que tivo que pelexar contra os estereotipos e que saíu da súa zona de confort”, manifestou a rexedora compostelá sobre Concha Castroviejo, unha figura “descoñecida” e “inxustamente esquecida”. Goretti Sanmartín incidiu en que era “importante difundir” a figura de Castroviejo, unha muller que abriu camiño na profesión xornalística e foi pioneira en ámbitos como a crítica literaria.
Para dar a coñecer a figura de Castroviejo, programáronse varias actividades, entre elas, tres sesións dun paseo guiado que percorrerá diferentes espazos da cidade relacionados coa autora para coñecer mellor a súa figura. A actividade é de balde e conta con 30 prazas por sesión, previa inscrición no enderezo i.gal/Concha.
Concretamente, os paseos desenvolveranse este mesmo mércores 10 e o venres 12 de novembro, ás 18.30 horas, e o sábado 13, ás 12.00 horas. Contarán coa xornalista Marga Tojo para ler extractos da obra da autora e outros escritos da súa propia creación que invitan a reflexionar sobre a vida de Castroviejo.
No primeiro dos paseos, o deste mércores, tamén estará a sobriña de Castroviejo, Nanina Santos, una peza clave para a recuperación desta figura e o desenvolvemento deste proxecto, tal e como explicou Xiana Iglesias. Ao respecto deste tipo de accións guiadas, Goretti Sanmartín Rei destacou que os paseos literarios son un tipo de actividade que conta con “moito éxito” na capital galega, e defendeu que “Compostela é unha cidade literaria”.
Xiana Iglesias tamén explicou que a segunda das actividades, que consiste nun nun xogo de pistas. Así, a modo de xincana darase a coñecer a vida de Concha Castroviejo dunha maneira amable e amena, percorrendo a cidade histórica centrándose nas sete través das sete portas da antiga muralla de Compostela, baseándose no libro da escritora El jardín de las Siete Puertas.
Este xogo adaptouse a unha versión online para descubrir os diferentes aspectos da vida da homenaxeada sen saír da casa. Ambas versións están destinadas a todos os públicos, pero especialmente pensadas para a rapazada de entre 12 e 16 anos e tamén permite o seu aproveitamento nos centros de ensino.
Concha Castroviejo
Concha Castroviejo naceu o 6 de decembro de 1910 no número 3 da Rúa da Senra de Santiago de Compostela. En 1934, coincidindo coa morte de seu pai, iniciou a carreira de Filosofía e Letras e entrou en contacto cos círculos republicanos no ámbito universitario, onde coñeceu a Francisco Comesaña. Fuxiu a Bordeos (1937) e casou con Joaquín Seijo en Valencia.
Traballou en Madrid como crítica literaria e no xornal Informaciones e, entre 1951 e 1953, traballoou no periódico El Correo Gallego e La Noche. Publicou varias novelas: Los que se fueron, Víspera del odio, Los días de Lina, El jardín de las siete puertas e, xa póstumamente, En las praderas del Gran Manitú.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.