Tuesday 09 de December de 2025

O Concello organiza nove obradoiros de cociña infantil nos mercados municipais


O prazo de inscrición abrirase mañá ás 10.00 e durará ata as 10.00 do venres 12 de decembro

O Concello amplía un ano máis o ciclo de obradoiros de cociña infantil como parte da programación de Nadal. Desenvolveranse nos diferentes mercados municipais da cidade, a partir do próximo 22 de decembro. A proposta nace coa idea de achegar as e os máis pequenos aos labores culinarios e incentivar o seu interese polo mundo da cociña desde idades moi temperás.

Todas as actividades programadas son de entrada libre, ata completar a capacidade, pero hai que solicitar praza presencialmente nas conserxerías dos mercados ou a través de correo inscripciones@totemgestion.com. O prazo de inscrición abrirase este mércores, 10 de decembro, ás 10.00 horas, e pecharase o venres 12 de decembro, tamén ás 10.00 horas.
“O Concello cre que este tipo de iniciativas son fundamentais para que as e os máis pequenos aprendan a perderlle o medo á cociña da man dos expertos. Queremos transmitirlles que seguir receitas tamén pode ser divertido”, indicou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados.

Os obradoiros de cociña forman parte da ampla oferta de actividades de Nadal deseñada este ano polo Goberno de Inés Rey.
Os mercados que acollerán estes obradoiros serán os de Durmideiras (22 de decembro), Elviña (23 de decembro), Monte Alto (23 de decembro), Eusebio da Guarda (26 de decembro), Santo Agostiño (26 de decembro), Elviña (29 de decembro), Ramón Cabanillas (29 de decembro), Eusebio da Guarda (30 de decembro) e Santo Agostiño (30 de decembro). Todas as sesións serán das 11.00 ás 13.00 horas.

Deja un comentario