Tuesday 09 de December de 2025

As concelleiras non adscritas piden a Sanmartín que retrase a votación da integración da UMAD no SERGAS a petición do persoal do centro


 Marta Álvarez aínda a favor desta integración “lóxica” dun servizo “impropio para un concello”, insiste en que este proceso “non pode supor un prexuízo para os dereitos laborais do persoal”

 Os traballadores do centro denuncian que non teñen ningunha concreción formal das condicións nas que se vai efectuar o seu traslado

As concelleiras non adscritas reclamaron este martes á Alcaldesa retrasar a votación para a integración da UMAD no SERGAS despois de que o persoal do centro denunciara falta de diálogo e información durante o proceso. Nun comunicado conxunto, as traballadoras e traballadores da Unidade Municipal de Atención á Drogodependencia denunciaban esta semana que, a menos dun mes de que se faga efectiva a integración orgánica no SERGAS do centro non teñen “ningunha concreción formal das condicións do traslado que garanta os nosos dereitos laborais” nin do mantemento da ubicación do servizo nin dos medios materiais dos que disporán. De feito, engaden que desde o inicio do proceso se lle fixera saber ao persoal que o traslado dos propios traballadores sería voluntario, unha voluntariedade “que ten desaparecido”.

Ante esta denuncia, as concelleiras non adscritas reclaman piden que se teñan en conta as reivindicacións do persoal funcionario, e que se retrase a aprobación da integración do centro no SERGAS: “un proceso esperado por todas, pero que non pode supor un agravio para as profesionais que sacan adiante o servizo”.

A concelleira Marta Álvarez, aínda recoñecendo que as non adscritas sempre estiveron a favor de que a unidade dependera do servizo galego de saúde “e que se trataba dunha competencia impropia do Concello”, denuncia que “non se poden vulnerar os dereitos das persoas traballadoras e débese garantir que as condicións laborais futuras desas persoas sexan pactadas ou, cando menos, non menoscaben a situación actual”.

Unha cuestión de dereitos das persoas traballadoras

Álvarez afeoulle a Sanmartín que esquecera “os principios polos que están aí”: “nós sabemos perfectamente que representamos á clase traballadora” engadiu. Neste sentido a concelleira non adscrita insistiu en que o seu grupo defende aos traballadores dos centros socioculturais, “abandonados polo goberno local cunha concesionaria que vulnera sistematicamente os seus dereitos” ao igual que aos do servizo de bombeiros e policía “que reclaman unha lexítima suba salarial e que se paguen as horas extras en tempo e forma”. E, agora, engade, “tamén avogaremos pola defensa dos dereitos dos traballadores da UMAD” ante o que cualifica unha “deficiente xestión do goberno e da Xunta” no proceso de integración deste servizo ao SERGAS.

Deja un comentario