Tuesday 09 de December de 2025

A Mesa local de Saúde de Neda promove esta semana dous Encontros interxeracionais de lecer co gallo do Nadal


Neda organiza esta semana, a modo de anticipo do Nadal, dous Encontros interxeracionais nos que nenos e maiores da localidade colaborarán na preparación de toda unha serie de adornos para as próximas festas. As actividades, promovidas pola Mesa de Saúde Local, que impulsan o Concello e Regaps Ferrol, buscan propiciar que a xente máis veterana do municipio comparta momentos de alegría nunha época na que afloran lembranzas que, ás veces lles impiden desfrutar destas datas.

Ás xornadas, propostas na última reunión do foro de saúde, convidouse a todos os coles do municipio e participará alumnado do CEIP San Isidro e de Semente de Trasancos (o CEIP Maciñeira declinou sumarse pola carga de traballo destas datas). Ademais, sumaranse integrantes da AVV O Castro de Viladonelle, da Asociación de Amas de casa de Neda, e dos grupo de Aloumiños e memoria.

Serán dúas sesións, con actividades pensadas para que poidan cooperar as distintas xeracións presentes, que se desenvolverán no local social de Viladonelle (xoves 11 de decembro, ás 11 horas) e na Casa da Cultura de Neda (venres 12, a partir das 12 horas). As dúas citas estarán abertas a outros veciños e veciñas, se ben deberán contactar con antelación co 981390233.

Os encontros interxeracionais permitirán ademais que os máis pequenos aprendan a desfrutar da compañía das persoas maiores e aprecien as aportacións de valor que poidan darlles.

Deja un comentario