A florista Tania Couce de Paz vai ser a encargada de dirixir o último obradoiro do programa “Tempos para compartir” deste ano, no que aprenderemos a facer coroas de Nadal e outros adornos cos que decorar a casa para as festas que nos veñen aí. O encontro terá lugar no local social da Seara, en Ferreira, este sábado a partir das 11:00h. Trátase dunha proposta totalmente gratuíta, pero para a que fai falla inscrición previa a través do correo electrónico oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando ao 695 876 178. Con este Tempos… comeza a programación do Nadal organizada polo Concello de San Sadurniño.
A actividade estará moi enfocada nas coroas decorativas para pendurar na porta principal da casa ou para adobiar outros espazos, como poden ser paredes ou centros de mesa. Porén, Tania Couce de Paz tamén mostrará como aproveitar de maneira moi vistosa flores secas, follas, ramallos e outros materiais que podemos atopar no noso xardín ou dando un paseo polo monte (hoxe mellor non).
A florista, que rexenta un pequeno negocio de flor, planta e complementos no Campo da Feira -fronte á Capela do Belén-, explicará diferentes técnicas de composición e pequenas claves estéticas para acadar pezas equilibradas, duradeiras e con acabado profesional. Tania tamén acompañará paso a paso ás persoas participantes mostrándolles como combinar cores, texturas e volumes para crear coroas únicas que ademais de adornar portas e paredes poidan servir como detalles especiais para regalar.
A área municipal de Igualdade, promotora do programa “Tempos para compartir”, ofrece un máximo de 12 prazas co obxectivo de que o taller sexa proveitoso nas aproximadamente dúas horas que vai durar. Por iso é importante reservar xa, algo que se pode facer mandando unha mensaxe ao correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando ao 695 876 178.
A actividade é totalmente gratuíta e non fai falla levar nada, xa que o Concello facilitará o material e as ferramentas necesarias para confeccionar os adornos, que despois cadaquén poderá levar para a casa.
Desde o departamento de Igualdade están argallando xa os obradoiros do Tempos… para o 2026. Calquera persoa que teña algún saber e que queira compartilo coa veciñanza, só ten que contactar co Concello -nas mesmas vías que hai para anotarse neste obradoiro- e propor o tema de que se trate. Como condición só se pon que teña un custe asumible, que sexa participativo e que poida completarse en aproximadamente dúas horas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.