Seguridade viaria, abastecemento de auga, deporte, prevención de inundacións e limpeza ambiental centran as prioridades defendidas polo deputado cabanés Xosé Manuel Golpe e o grupo municipal do BNG
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza por un importe superior aos 5,3 millóns de euros. As propostas nacionalistas buscan dar resposta a necesidades urxentes e históricas do concello de Cabanas e son froito dun traballo coordinado entre o grupo municipal e o deputado cabanés no Parlamento, Xosé Manuel Golpe.
As emendas foron presentadas esta mañá por representantes do BNG en Cabanas e o propio deputado co obxectivo de “poñer enriba da mesa solucións reais fronte á permanente ausencia de investimentos da Xunta do PP no noso concello”, segundo explicou o portavoz municipal, Iago Varela.
Seguridade viaria e accesos a servizos básicos
Entre as actuacións prioritarias destaca unha emenda de 500.000€ para a mellora da seguridade na estrada AC-122 ao seu paso por Cardeita (Porto, Cabanas), vía fundamental de acceso ao centro de saúde. O BNG demanda beirarrúas seguras, pasos de peóns e unha solución definitiva ás filtracións de auga na Costa do Vinteún. “As actuacións da Xunta na zona limitáronse a asfaltar e pintar, sen resolver os problemas reais dunha estrada que hoxe incumpre os mínimos de seguridade e resulta intransitábel para moitas persoas”, sinalou Varela.
Tamén se inclúe unha partida de 150.000€ para o acondicionamento da AC-563 entre Fonfría e Vilar do Colo, unha vía con elevado tráfico na que se propón recuperar o peche perimetral e mellorar os accesos para reducir riscos.
Abastecemento de auga: unha prioridade estrutural
O BNG propón 1 millón de euros para desenvolver a rede de abastecemento de auga en Laraxe, a terceira parroquia máis poboada do concello e que continúa sen unha solución estrutural a un problema histórico. A esta actuación súmase unha emenda de 400.000€ para elaborar un estudo dun novo sistema de abastecemento comarcal que permitiría garantir subministro suficiente a Cabanas e tamén beneficiar Ares, Fene e Mugardos.
“Non estamos a pedir nada excepcional, senón o mesmo apoio que a Xunta está a dar noutros concellos. O acceso á auga é un dereito básico e unha condición imprescindible para vivir e para fixar poboación”, afirmou Iago Varela.
Deportes, ríos e prevención de inundacións
Outra das emendas destacadas é a destinada ao acondicionamento do Campo de Fútbol da Veiga, cun investimento de 200.000€ para a instalación dun novo céspede artificial, unha demanda reiterada do tecido deportivo local.
No eido ambiental, o BNG solicita 300.000€ para a limpeza e acondicionamento do río Ventín, unha actuación necesaria para evitar asolagamentos recorrentes. Segundo Varela, “as intervencións menores realizadas até o de agora non afrontan o problema de raíz, e as actuacións do Concello quedaron nunha foto para redes sociais sen resultados reais para a veciñanza”.
Inclúense tamén 100.000€ para a posta en valor do alto curso do río Belelle e 200.000€ para o acondicionamento e mellora da seguridade do treito costeiro de Cabanas e da Ruta da Costa entre a praia da Madalena e o río Castro, lembrando que agora é a Xunta, con competencias no litoral, quen debe actuar ante o abandono acumulado.
Limpeza ambiental e saúde pública
O BNG volve insistir na necesidade de actuar sobre un dos maiores problemas ambientais da comarca: os áridos bituminosos de Vilar do Colo. Para iso, preséntanse 500.000€ para a retirada dos residuos e 400.000€ adicionais para a limpeza do río Baa e o illamento dos efluentes contaminantes procedentes do depósito ilegal. “Estamos diante dun problema con sentenzas xudiciais e resolucións administrativas claras. A Xunta non pode seguir mirando para outro lado”, subliñou o deputado Xosé Manuel Golpe.
Sanidade e Fragas do Eume
As emendas complétanse con 100.000€ para mellorar a habitabilidade e accesibilidade do centro de saúde de Cabanas mentres o Sergas non asuma a súa xestión, alén de 1,5 millóns de euros para dotar economicamente o PRUX das Fragas do Eume, aprobado pola Xunta sen atender as demandas de propietarios nin garantir compensacións nin xestión real.
Golpe destacou que “estas emendas demostran que o BNG é a única forza que defende Cabanas con feitos e con propostas concretas, tanto desde o Parlamento como desde o Concello”. Pola súa banda, Iago Varela concluíu que “ou a Xunta atende estas emendas ou quedará claro, unha vez máis, que o PP non ten a Cabanas entre as súas prioridades”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.