Monday 08 de December de 2025

Mercedes Rosón alerta da situación “límite” do persoal dos centros socioculturais: “levan desde outubro sen cobrar”


 Reclama ao goberno local que esixa á actual concesionaria o pago inmediato das nóminas pendentes ao persoal
 Tamén que se axilicen os prazos para que a nova adxudicataria, que resultou da mesa de contratación do 27 de novembro, se faga responsable do servizo

A crise no servizo dos centros socioculturais non semella ter unha solución próxima, a pesar de que o pasado 27 de novembro a concellería responsable informaba que xa se adxudicara en mesa de contratación un dos lotes do servizo. Concretamente trátase do lote 3, dinamización e mediación sociocultural, precisamente o que máis incidencias rexistrou desde mediados do 2024. O último: o impago das nóminas desde o mes de outubro segundo denuncia Mercedes Rosón.

A concelleira non adscrita alertou este luns que moitas das persoas que dependen da empresa Serviplus -da que dependen ata 70 traballadores- atópanse nunha situación de “absoluta vulnerabilidade económica ata o punto de que recibo algunhas mensaxes de persoas que chegan a falar de dificultades serias para chegar a final de mes e neveiras baleiras”: unha situación “insostible”, asegura Rosón, que reclama ao goberno local que actúe fronte a concesionaria para que proceda ao pago inmediato das nóminas pendentes.

“Esiximos ao goberno local que tome cartas no asunto para manter a calidade dun servizo externalizado pero público e para defender os dereitos das persoas traballadoras” explicou Mercedes Rosón quen pediu tamén que se axilizaran os prazos para que a nova adxudicataria se faga responsable do servizo. De feito as concelleiras non adscritas rexistraron unha iniciativa para que no vindeiro pleno o concelleiro responsable dea explicacións e prazos concretos para a normalización do servizo.

“A improvisación converteuse na folla de ruta deste goberno”

Rosón amosouse moi crítica coa xestión que o executivo de Sanmartín fixo desta crise desde setembro do 2024, cando a concelleira non adscrita xa levara ao pleno municipal a necesidade de renovar o servizo. Naquela altura, o concelleiro de Centros Socioculturais aseguraba que os pregos técnicos xa estaban elaborados e que se estaba pechando o estudo económico-financeiro: “desde ese momento ata agora houbo xa dúas prórrogas do contrato precario” ata xuño do 2025 e outubro deste mesmo ano.

“Un servizo esencial para a vida comunitaria, para a conciliación e para o benestar de moitas familias non pode depender dunha empresa que, nin ten estabilidade contractual, nin garantías suficientes, nin capacidade acreditada para dar resposta ás necesidades actuais dos centros socioculturais” denuncia Rosón lembrando ademais as incidencias rexistradas no último trimestre con actividades programadas que non se están a desenvolver con normalidade.

Deja un comentario