Monday 08 de December de 2025

Última semana de prazo para que os centros educativos da Coruña soliciten a súa participación na cuarta edición do programa ‘Cinema na Escola’


O Concello impulsa un ano máis esta iniciativa, que achega ao alumnado e ao profesorado ao mundo do audiovisual e as curtametraxes, amosando a importancia da sétima arte para impulsar a creatividade da rapazada

O Concello ultima a posta en marcha da cuarta edición do programa municipal ‘Cinema na Escola’, unha iniciativa concibida para achegar ao alumnado e o profesorado dos centros educativos coruñeses ao mundo da sétima arte, propiciando que as próximas xeracións den renda solta á súa creatividade a través do audiovisual e as novas tecnoloxías.

O programa, destinado a todos os centros educativos de ensino público, concertado e privado no termo municipal, está orientado especificamente ao alumnado de quinto e sexto ano de Primaria, así como ao de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, FP Básica e tamén os aos seus equipos docentes.
“Buscamos que cada alumna ou alumno entenda o cinema e as curtametraxes como unha vía para expresar as súas emocións, contar as súas historias e amosar o seu talento.

Ademais, ao participar o profesorado tamén se potencian os enfoques pedagóxicos dos proxectos individuais e se fomenta o traballo en equipo”, explicou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, que lembrou que o prazo de inscrición para os centros educativos coruñeses interesados en participar no certame seguirá aberto ata o luns 15 de decembro.

Neste sentido, Borrego apuntou que os centros educativos participantes que completen con éxito a súa fase de inscrición disporán de dúas sesións de formación para precisar e pulir as ideas propostas, desenvolver os guións e establecer un cronograma semellante a un plan de rodaxe. Ademais, o día da gravación, as rapazas e rapaces que o desexen disporán de asistencia técnica.

Os curtametraxes premiadas serán presentadas no treito final deste curso 2025-26. Concretamente, no mes de maio, cando se celebrarán dúas galas (19 de maio, para o alumnado de Primaria; e 20 de maio, para o alumnado de ESO e FP Básica) que porán o peche a esta nova edición de ‘Cinema no Escola’, un programa municipal co que o Goberno de Inés Rey busca potenciar o talento audiovisual da rapazada coruñesa e espertar as súas vocacións neste eido.

Deja un comentario