Monday 08 de December de 2025

O goberno galego recoñece 16 centros educativos polo seu labor a prol da boa convivencia nas aulas e a loita contra o acoso escolar


— A Consellería de Educación resolve os premios ConviVimos e Tolerancia cero, que visibilizan o labor neste eido e serven de exemplo para o conxunto dos centros

— A Xunta referenda a súa aposta polo fomento da convivencia nas aulas como unha liña prioritaria de traballo para a cal conta cun amplo abano de iniciativas

O Goberno galego recoñece o labor de 16 centros educativos polo seu compromiso co fomento da convivencia e o benestar nas aulas e a prevención do acoso escolar. Faino a través dos premios ConVivimos e Tolerancia cero fronte ao acoso escolar correspondentes á edición deste 2025 que vén de resolver a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Con estes galardóns, o departamento de Educación referenda a aposta da Xunta polo fomento do bo clima nas aulas como unha prioridade de Goberno, obxectivo para o cal ten en marcha un amplo abano de iniciativas entre as que se atopan estes recoñecementos que, ademais de valorar e visibilizar iniciativas positivas desenvolvidas desde os centros escolares, destacan o seu alto grao de compromiso neste eido e serven de exemplo de boas prácticas para o conxunto da comunidade educativa.

Premio ConviVimos
No que atinxe á terceira edición do Premio ConVivimos, a Xunta recoñece o traballo e compromiso de oito centros educativos nesta área a razón de dous na provincia da Coruña, outros dous en Lugo, un en Ourense e tres en Pontevedra.

Con esta iniciativa, o Goberno galego quere destacar aquelas actuacións e proxectos desenvolvidos desde os centros educativos galegos que impliquen un alto grao de compromiso coa mellora da convivencia escolar e do benestar emocional, así como para visualizar o esforzo realizado polos centros neste eido.

Os centros premiados na categoría A, destinada a centros de Educación Primaria, son o Colexio de Cervo, que acada o primeiro premio; o CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), que se fai co segundo galardón; o CEIP O Castiñeiro (Laza), que leva o terceiro premio, e o CEP Plurilingüe de Louro (Muros), que obtén a mención de honra.

No caso dos centros pertencentes a categoría B, destinada aos de Secundaria -abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial-, o IES de Cacheiras (Teo) acada o primeiro premio, mentres que o segundo galardón recae no Instituto de Poio, seguido do terceiro para o IES de Cotobade (Cerdedo-Cotobade). A mención de honra é para o IES Perdouro (Burela).

Os centros galardoados co primeiro premio reciben 5.000 euros, mentres que o segundo premio conta con 2.500 euros e o terceiro con 1.000 euros. Os centros que logran a mención de honra obteñen 500 euros.

Premio Tolerancia cero contra o acoso
No caso dos Premios Tolerancia cero contra o acoso, resultaron galardoados outros oito centros a razón de dous por provincia. A finalidade do galardón, que vai pola súa segunda edición, é promover a participación do alumnado en programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais a través de accións concretas de loita contra o acoso e o ciberacoso escolar e de coidado e acompañamento das vítimas.

Os centros premiados na categoría A, destinada a centros de Educación Primaria, son o Colexio Plurilingüe de San Roque de Darbo (Cangas), que acada o primeiro premio; Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), que se fai co segundo galardón; o CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos), que leva o terceiro premio, e o CEIP Eusebio da Guarda (A Coruña), que obtén a mención de honra.

No caso dos centros pertencentes a categoría B, destinada aos de Secundaria -abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial-, o IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) acada o primeiro premio, mentres que o segundo galardón recae no Instituto Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), seguido do terceiro para o IES de Cacheiras (Teo). A mención de honra é para o IES Leiras Pulpeiro (Lugo).

Neste caso, a Consellería de Educación outorga unha contía de 8.000€ para o primeiro premio, o segundo recibirá 4.000€, o terceiro 2.000€ e a mención de honra 1.000€.

Con ambos galardóns, o departamento educativo do Goberno galego dá cumprimento a unha das accións recollidas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que, á súa vez, está inxerido na Estratexia galega de convivencia escolar.

Deja un comentario