Este recurso é un dos beneficiados na última convocatoria de axudas plurianual para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, dotada con 21 millóns de euros
Preto dun centenar de entidades reciben fondos desta orde de subvencións para desenvolver un total de 769 intervencións e programas
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá o centro de acollida Fogar Sor Eusebia para persoas sen fogar, onde agradeceu a axuda que presta esta entidade a estas persoas para que superen o momento complicado que están vivindo. Arturo Parrado sinalou que este apoio é fundamental durante todo o ano e que aínda é máis importante en datas tan especiais como son as de nadal.
O director xeral lembrou que a Xunta colabora no funcionamento do albergue de Sor Eusebia cunha achega de 390.000 euros con cargo á orde de axudas a entidades de iniciativa social para o período 2025-2027, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027. Neste sentido, puxo en valor o esforzo do tecido social galego para que as persoas e familias máis vulnerables melloren a súa calidade de vida e teñan novas oportunidades.
Precisamente, a Xunta destina a esta liña de axudas plurianual para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social 21 millóns de euros, case un 6% máis que na anterior convocatoria. Un total de 99 entidades recibirán fondos desta orde para desenvolver un total de 769 actuacións.
Os programas e accións que se sufragarán con estas subvencións están relacionados co funcionamento de centros de inclusión ou emerxencia social, o desenvolvemento de programas e actuacións que favorezan a integración e ao acceso ao mercado laboral de persoas inmigrantes e outras en situación ou risco de exclusión social.
Así mesmo, a convocatoria potencia novamente as medidas centradas na atención ás persoas sen fogar, cunha liña de achegas para apoialas e facilitar a súa inclusión residencial.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.