Monday 08 de December de 2025

O BNG pede información sobre o proceso selectivo de enxeñeria industrial


– A persoa proposta polo Tribunal é administradora dunha das dúas empresas sinaladas polo Consello de Contas por prácticas irregulares no entorno das eleccións municipais do 2023.

– O proceso selectivo retomouse despois de ter sido declarado deserto, trala reclamación desa mesma persoa, que obrigou tamén a cambiar a composición do Tribunal selectivo.

– É preciso coñecer a totalidade do expediente para esclarecer as posíbeis friccións entre o cargo ostentado pola persoa proposta e o posto para o que se propón o seu nomeamento, á vista do que coñecemos até o momento.

O BNG de Culleredo reclamou no Pleno do pasado 27 de novembro toda a información existente sobre o proceso selectivo para a praza de Enxeñeira Industrial.

O proceso, convocado o 11 de agosto de 2022, ven de resolverse coa proposta de nomeamento dunha persoa que é administradora dunha das empresas sinaladas polo Consello de Contas por prácticas que non garanten nen a transparencia nen a igualdade na contratación pública do Concello. Trátase, en concreto, da empresa IAN RUMBO.

O Consello de Contas analizaba varios expedientes no entorno das eleccións municipais do 2023 e sinalaba como as prácticas irregulares se agudizaban ao aproximarse a data dos comicios.

No caso do proceso selectivo para a praza de Enxeñeira Industrial hai constancia dunha declaración de decaemento do proceso, anulada após a reclamación do candidato finalmente proposto, que tamén conlevou o nomeamento dun novo tribunal. Hai tamén constancia de que a proposta de nomeamento conta co voto en contra do Secretario Municipal.

Este cúmulo de circunstancias leva ao BNG á necesidade de revisar toda a documentación referida ao procedemento, non apenas a disponíbel na web municipal, claramente incompleta.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “é preciso elaborar un informe que aclare as posíbeis causas de fricción da persoa proposta dada as súas relacións contractuais co Concello de Culleredo, que inclúen prácticas irregulares en palabras do Consello de Contas. Coñecer as causas do voto en contra do Secretario Municipal pode axudarnos a botar luz no asunto, por iso solicitamos o acceso a toda a información”.

Deja un comentario