Friday 05 de December de 2025

Ponteceso promove o consumo no comercio cunha nova campaña con agasallos e un sorteo final


· A iniciativa estará dispoñible ata o luns, 5 de xaneiro (incluído).

O Concello volverá estimular o consumo no tecido comercial. Farao co lanzamento dunha campaña de Nadal na que as Fadas de Pondal volven ser as grandes protagonistas e que estará en marcha ata o luns, 5 de xaneiro (incluído). Baixo o título O Nadal chega a Ponteceso entre versos, luz e maxia, a clientela que faga as súas compras poderá conseguir agasallos directos e optar a premios nun gran sorteo que terá lugar o propio día 5. Así o confirmou o alcalde, José Manuel Mato, que presentou a iniciativa xunto a un amplo número de representantes dos locais adheridos.

Durante a súa intervención, o primeiro edil agradeceu a “implicación do tecido comercial, sen o que non sería posible pór en marcha iniciativas como esta”. O rexedor confía en que a proposta acade unhas cifras de participación similares ás da campaña de maio e “sirva para estimular o consumo nestas datas”.

Agasallos e sorteo

A mecánica da campaña será similar á realizada en primavera. A clientela que se achegue polos negocios recibirá xa o seu pasaporte, un documento que deberá cubrir con seis selos de seis negocios diferentes, obtendo un destes distintivos por cada compra superior a 5 euros. As persoas que logren reunir os seis poderán entregar o seu pasaporte na Casa das Fadas do Nadal (avenida Eduardo Pondal, nº 41). Ao facelo, levarán un agasallo directo (ata fin de existencias), podendo elixir entre un adorno artesanal de Nadal, unha lámina facsimilar ou unha bolsa cunha ilustración das Fadas de Pondal de Leandro Lamas.

Todos os pasaportes entrarán nun gran sorteo final que se celebrará o propio 5 de xaneiro, despois da Cabalgata de Reis. Entre os premios haberá catro bicicletas e nove tablets para nenos e nenas, así como un lingote de ouro de 24 quilates valorado en 1.500 euros.

Deja un comentario