Friday 05 de December de 2025

A Xunta entrega os seis primeiros premios “Iniciativa Xove” para recoñecer os mellores proxectos liderados por xente moza


— A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salienta nos proxectos distinguidos o protagonismo outorgado á mocidade na vida social e cultural do seu territorio

— Resultan gañadores na categoría informal as iniciativas ‘XV Campamento para monitores’, ‘Espazo sonoro e visual da mocidade creativa galega’ e ‘Semente Coral’

— Na modalidade de asociacións distínguense as campañas ‘Arredar’, ‘Monitores en acción: pola terra e o mar’ e ‘Xuventude Rural 360º’

A Xunta entregou hoxe os seus primeiros Premios Iniciativa Xove cos que distingue os mellores proxectos liderados por xente moza para o desenvolvemento sociocultural da súa contorna. Os galardoados foron escollidos entre todos os que se presentaron este ano ao programa de axudas que, co mesmo nome, convoca a Dirección Xeral de Xuventude desde hai 15 anos.

Nun acto na Cidade da Cultura de Galicia, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, considerou a creación destes galardóns, ao abeiro deste programa de axudas, como un “xusto recoñecemento e un significativo xeito de darlle visibilidade aos mellores proxectos que poñen no centro a mocidade na vida social e cultural do seu territorio”.

Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou “o talento, creatividade e orixinal pulo á súa contorna” dos tres proxectos gañadores da modalidade de agrupacións informais. Neste caso, recaeron de primeiro a terceiro premio no XV Campamento para monitores, do municipio pontevedrés de Lalín, no coruñés Espazo sonoro e visual da mocidade creativa galega e no lucense Semente Coral.

En canto á modalidade de asociacións, os Premios Iniciativa Xove destacaron a calidade, impacto e carácter innovador, con vocación de permanencia, das propostas Arredar, da asociación cultural ourensá Rebulir; Monitores en acción: pola terra e o mar, da entidade recreativa e cultural Marexada, de Pontevedra; e Xuventude Rural 360 º, da Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, no municipio coruñés de Teo.

A recoñecemento destes seis primeiros premios do departamento de Xuventude do Goberno galego procuran dar visibilidade ao compromiso da mocidade coa identidade local, a creación artística, a lingua ou a construción dun rural vivo, participativo e con futuro.

Deja un comentario