O Pleno aprobou por unanimidade a moción dos socialistas para eliminar barreiras e mellorar a accesibilidade no cruce de República Arxentina e a rúa do Hórreo.
O grupo socialista advirte de que, máis aló do consenso, é hora de que o goberno de Goretti pase á acción e garanta itinerarios seguros para todas as persoas.
O Grupo Municipal Socialista esixe ao goberno municipal que cumpra sen máis demoras o mandato aprobado por unanimidade no Pleno de novembro, a iniciativa dos concelleiros socialistas, para mellorar de maneira urxente o cruce entre República Arxentina e a rúa do Hórreo, un dos puntos negros de accesibilidade máis graves e evidentes da cidade.
Neste sentido, a concelleira Marta Abal valora positivamente a unanimidade acadada no Pleno, pero lembra que os acordos hai que cumprilos, e que agora é responsabilidade do goberno de Goretti Sanmartín levar a cabo as actuacións no ano 2026 tal e como se aprobou.
Un punto crítico que non pode seguir esperando
O Grupo Municipal Socialista denuncia que este cruce, intensamente transitado, presenta problemas “clarísimos e inadmisibles” tales como:
• desniveis entre beirarrúa e calzada,
• obstáculos no medio do itinerario peonil,
• ausencia total de pavimento podotáctil,
• e un pavimento xeral deteriorado.
Segundo explica Marta Abal, “estamos a falar de actuacións básicas e evidentes que levan demasiado tempo sen resolverse e que afectan directamente á seguridade e á autonomía das persoas, especialmente das que teñen discapacidade ou mobilidade reducida. Un problema que evidencia a falta de control nas obras municipais”.
Dende a bancada socialista municipal, lembran que esta moción está directamente relacionada coa proposta que presentaron en outubro para poñer en marcha un sistema municipal de verificación da accesibilidade, tamén aprobada, co obxectivo de evitar erros e barreiras evitables en obras municipais.
A este respecto, Marta Abal señala que este caso é a mellor demostración da necesidade de ter un control serio e estable:
“Xa advertíramos en outubro, coa proposta do sistema municipal de verificación da accesibilidade, que a falta de control estaba xerando erros evitables en obras municipais. Este cruce é un exemplo máis de por que ese sistema é imprescindible”, afirma a concelleira.
Chamamento á responsabilidade do goberno municipal
O Grupo Socialista de Santiago insiste en que a unanimidade do Pleno obriga o executivo a actuar con celeridade:
“Celebramos a unanimidade, si, pero agora toca cumprir. O goberno de Goretti ten un mandato claro e non hai escusas. Imos seguir esixindo que Santiago avance cara a unha cidade accesible, segura e digna para todas e todos”.
O Grupo Municipal Socialista avanza que fará seguimento do acordo e continuará demandando que a cidade sexa un modelo urbano inclusivo, que non deixe a ninguén atrás.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.