Luís Oujo recolle os apoios das autoridades italianas e portuguesas para estender o punto de inicio do Camiño da Ría de Muros Noia nos próximos anos
Non houbo fronteiras para a peregrinación do mariñeiro e comerciante Pietro Querini no século XV nin agora para a promoción da Ría da Estrela en Portugal. Lisboa acolleu a presentación deste destino con profesionais de axencias de viaxes e turoperadores, así como con medios de comunicación especializados en viaxes da capital lusa.
Non só este destino chamou a atención dos profesionais lusos, tamén a presentación da Ruta Rías Baixas-Camiño da Rías de Muros Noia 2026, que na súa última edición reuniu a máis de 50 barcos e que, como novidade, contará cunha etapa previa que partirá de Oporto. Un percorrido que discorrerá polos portos de Viana de Castelo e Esposende, recreando así a ruta de peregrinación e o itinerario seguido por Pietro Querini antes de chegar a Muros.
Xornada en Lisboa
Tamén Pietro Querini foi protagonista en Lisboa dunha xornada na que se presentou a Vía Querinissima e o Camiño da Ría de Muros Noia a axentes culturais, diplomáticos e turísticos de Italia en Portugal. Un acto celebrado na Embaixada de Italia en Lisboa no que participaron o seu embaixador, Claudio Miscia, e o presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, quen aproveitou para recoller apoios das autoridades italianas e portuguesas para a extensión do punto de inicio desta ruta xacobea nos vindeiros anos.
Nesta xornada celebrada en Lisboa participou a directora da Vía Querinissima. Nicoletta Martorana, quen impartiu a ponencia “O Itinerario de Pietro Querini e a Vía Querinissima”, mentres que Sebastián Valverde, técnico da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, falou sobre “A relación da Vía Querinissima e o Camiño de Santiago”.
A esta promoción en Lisboa sumáronse Stefano Agnoleto, presidente do Comité Científico da Vía Querinissima; Hermenegildo Fernandes, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Lisboa; e a presidenta do Consello de Administración do Porto de Lisboa, Ana Beatriz de Azevedo Dias Antunes Freitas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.