A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá da próxima volta á actividade da praza de abastos. A actuación sobre o edificio e as rúas lindeiras supón a renovación de máis de 15.000 metros cadrados de espazos públicos
Conta atrás para a reapertura do mercado municipal de Monte Alto, que volverá á actividade o vindeiro mércores 10 despois de que o Concello completase a remodelación e modernización tanto do edificio como da praza superior.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que ao longo dos vindeiros días se completará o traslado das praceiras e praceiros aos seus novos postos no mercado, o que tamén suporá o peche e desmontaxe do recinto que se habilitou provisionalmente na praza Indalecio Prieto mentres as obras estivesen en execución.
“Cómpre agradecer a paciencia e comprensión dos traballadores do mercado municipal. Somos conscientes de que a construcción do novo mercado foi longa, mais tamén estou convencida de que este esforzo pagará a pena e que no futuro porémolo en valor porque contaremos cunhas instalacións de gran calidade, adaptadas ás necesidades actuais do persoal e que tamén terán un efecto tractor para o conxunto do barrio. O mercado será novamente un punto de encontro para a veciñanza e iso conlevará unha dinamización importante en termos económicos e sociais”, indicou a rexedora.
Neste sentido, a intervención sobre o edificio tamén implicou a construción dunhas novas dependencias para a escola infantil municipal de Monte Alto, construída na praza que hai na superficie do mercado, e moi preto da rúa Cuento e a avenida de Hércules.
Ademais, nos baixos do mercado tamén se habilitará un novo local destinado ás actividades socioculturais e divulgativas das entidades veciñais.
O traslado das praceiras e praceiros comezará esta fin de semana
A volta á actividade do novo mercado municipal de Monte Alto fraguarase entre esta fin de semana e o vindeiro martes. De inicio, o mercado provisional de Indalecio Prieto abrirá mañá ata as 15.00 horas, cando pechará definitivamente.
Xa na tarde do sábado e ao longo do domingo, a empresa constructora do mercado realizará o traslado dos utensilios e o mobiliario ao novo mercado, sendo o martes, día 9, cando está previsto que as praceiras e praceiros traballen, a porta pechada, para colocar a mercadoría nos novos postos, recibindo tamén aos proveedores.
Será o vindeiro mércores 10 cando o novo mercado municipal de Monte Alto reabrirá á cidadanía.
Un investimento superior aos 10 millóns de euros
Cun orzamento de máis de 10 millóns de euros, cofinanciado con fondos PIREP, a rehabilitación do antigo mercado municipal de Monte Alto supuxo o investimento máis elevado do Concello no barrio en moitos anos.
“O mercado construíuse nos ano 80 e viviu unha primeira reforma no ano 2006, hai xa case dúas décadas. Por iso, tiñamos o reto de renovalo para adaptalo ás necesidades presentes e de futuro das praceiras e praceiros, tamén das persoas usuarias, por iso se fixo especial fincapé en mellorar a accesibilidade universal do edificio”, apuntou Rey.
Falamos da renovación total de máis de 15.000 metros cadrados de espazos públicos, porque a actuación no mercado aparella tamén melloras en rúas lindeiras, como Joaquín González, e nas infraestruturas habilitadas na avenida de Hércules e Forcarei, entre outras.
Ademais, tamén se aproveitaron os traballos na contorna do mercado para habilitar unha nova base de BiciCoruña a poucos metros do edificio. A estación, posta o mércores na rúa Vila de Cambre, entrará en funcionamento proximamente, toda vez se completen as tarefas de subministro eléctrico e probas técnicas do sistema.
A praza de abastos será o primeiro servizo en abrir ao público. Sumaranse proximamente a escola infantil e tamén o aparcadoiro, unha vez finalicen os traballos de adecuación dunha superficie comercial nos baixos da praza.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.