― Entre agosto e novembro, un total de 40.108 peregrinos remataron a experiencia xacobea en Muxía ou Fisterra e máis de 132.013 viaxeiros aloxáronse en establecementos hoteleiros da zona nos primeiros dez meses deste ano
― Xosé Merelles valorou que o Parador de Turismo de Muxía incremente a súa oferta un mes máis ao ano, permanecendo aberto dez meses
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, interveu esta mañá na presentación da obra ‘A Costa da Morte. Naturalmente única’ onde destacou que a Xunta contribúe á ordenación dos recursos turísticos deste xeodestino achegando máis de 30.000 euros á creación deste produto turístico que enxalza a paisaxe e o contorno natural deste xeodestino e que reúne 17 concellos da zona.
Durante a súa intervención, o director de Turismo subliñou a Costa da Morte ten ademais un atractivo a maiores ao incluír dous puntos, Fisterra e Muxía, vinculados co Camiño de Santiago. “Esta realidade engade interese por este territorio, e segundo os nosos sensores instalados en distintos puntos, desde agosto a novembro deste ano, 11.638 peregrinos continuaron a súa experiencia ata Muxía e 28.470 ata Fisterra”, destacou Xosé Merelles.
Ademais, engadiu que o volume de peregrinos con respecto ao total de visitas a cada concello é do 7,8% en Muxía e do 27,7% en Fisterra nese período. Do mesmo xeito, o director de Turismo salientou que entre xaneiro e outubro 132.013 viaxeiros visitaron Costa da Morte, realizando 281.280 noites en establecementos hoteleiros da zona. Deles, 38.896 foron turistas internacionais. Neste sentido, Xosé Merelles amosou a satisfacción porque o Parador de Turismo Costa da Morte abra un mes máis dando servizo durante dez meses ao ano.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que a publicación presentada hoxe constitúe un recurso para a promoción da zona e puxo en valor “a colaboración entre distintas organizacións e entidades para avanzar na divulgación do destino”. Así, destacou como a Estratexia de Turismo 2030 recoñece como unha das misións centrais a gobernanza do destino, na que xoga un papel esencial a implicación do sector turístico e a sociedade civil na súa xestión, a cooperación público-privada e a alianza coas entidades asociativas sectoriais.
O libro ‘A Costa da Morte. Naturalmente única’ trátase dunha publicación exclusiva que reúne aos 17 concellos do Xeodestino. Ten un formato especial, con cuberta dura e papel de gran calidade, pensado para espazos relacionados co turismo, como recepcións, mostradores de establecementos deste tipo e oficinas de información. Sairá en tres idiomas: galego, castelán e inglés.
O proxecto está impulsado pola APTCM – Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte- coa colaboración de Turismo de Galicia. Inclúe texto de Xan Fernández Carrera e fotografías de Antonio Fernández, que destacan os recursos turísticos da zona.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.