Friday 05 de December de 2025

A nova adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar inicia os traballos esta semana no Concello de Fene


O servizo, infrafinanciado pola Xunta, prestarase os sete días da semana, incluídos festivos, entre as 7.00 e as 22.00 horas

O goberno municipal reclama un financiamento xusto da Xunta de Galiza para garantir a sostibilidade dun recurso esencial

O Concello de Fene vén de adxudicar o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Osventos Innovación en Servizos, por un período dun ano prorrogable por outro máis por un porte de 1.449.203,60 €. O contrato garante a prestación integral do servizo conforme ao prego de prescricións técnicas, baixo a dirección e control público da Área de Benestar Social e do departamento municipal de Servizos Sociais.

O SAF prestarase de luns a domingo, incluídos os días festivos, entre as 7.00 e as 22.00 horas, establecéndose dous tipos de servizo: o servizo común, de luns a sábado, e o servizo extraordinario para domingos e festivos. Trátase dun recurso esencial dirixido a garantir que as persoas maiores ou en situación de dependencia poidan permanecer nos seus fogares con seguridade, dignidade e autonomía.

Seguimento, control público e medios técnicos

Entre as obrigas da empresa adxudicataria figura a xestión integral do servizo con obxectivos sociais, o seguimento continuo da atención ás persoas usuarias, a coordinación permanente co Concello e o uso da aplicación municipal de xestión Cibersad, na que se rexistrarán diariamente altas, baixas, suspensións, incidencias, modificacións horarias, queixas e servizos complementarios.

A empresa deberá contar, como mínimo, con dúas persoas coordinadoras traballadoras sociais a xornada completa e con dedicación exclusiva ao Concello de Fene, así como cun auxiliar de coordinación destinado á oficina municipal. Cun plantel de 47 auxiliares, o contrato garante a estabilidade do persoal nos domicilios das persoas usuarias e o cumprimento estrito da normativa laboral, de protección de datos e de prevención de riscos laborais.

O contrato inclúe tamén o préstamo de axudas técnicas, como camas articuladas, grúas, sillóns xeriátricos, cadeiras de rodas, andadores e outros elementos necesarios para a correcta atención no fogar.

Un servizo esencial cun financiamento insuficiente

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, subliñou que “o Servizo de Axuda no Fogar é un piar básico do sistema de coidados, porque permite ás persoas maiores ou dependentes seguir vivindo nas súas casas, no seu entorno, con seguridade e dignidade”. Porén, advertiu de que “o financiamento actual por parte da Xunta non responde ás necesidades reais do servizo”.

Neste sentido, lembrou que dos 21 euros a hora do custe do servizo, a Xunta de Galiza só aporta 12, o que obriga aos concellos a asumir a maior parte do custe real: 9 € adicionais por hora e o propio persoal municipal que se dedica a xestionar e supervisar o servizo.

Entre 2021 e 2024, a Xunta deixou sen executar 24,2 millóns de euros destinados ao SAF nos seus orzamentos. “É imprescindible que a Xunta asuma o financiamento completo dun servizo que é da súa competencia. Os concellos non poden seguir soportando esta carga en solitario”, sinalou a rexedora.

Cara a un sistema público de coidados

Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social e tenente de alcaldesa, Manuel Polo, destacou que “é necesario avanzar cara a unha suba progresiva do prezo por hora até os 24 euros, se realmente queremos crear un sistema público único de coidados”. Segundo indicou, esta mellora permitiría “dignificar as condicións laborais das traballadoras do SAF, reforzar a protección social e garantir unha atención de maior calidade ás persoas usuarias”.

O goberno municipal insiste en que o SAF é moito máis ca un servizo asistencial: “é unha ferramenta de xustiza social, equilibrio territorial e apoio ás familias, que debe contar cun financiamento estable, suficiente e acorde coa realidade actual do envellecemento da poboación”, concluíu a alcaldesa.

Deja un comentario