Wednesday 03 de December de 2025

Abre ao público a mostra ‘Xavier: Momentos naturais’ no Quiosco Alfonso


A exposición contará con visitas guiadas nos meses de decembro e xaneiro

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta tarde a inauguración da mostra ‘Xavier: Momentos naturais’ do artista Xavier Vilató, que permanecerá aberta ao público no Quiosco Alfonso ata o 26 de febreiro. Trátase dunha ampla retrospectiva que percorre case cincuenta anos de creación do artista, sobriño neto de Pablo Picasso e herdeiro dunha estirpe de creadores que inclúe nomes como Josè Ruiz Blasco, Élie Lascaux ou Daniel-Henry Kahnweiler. Xavier participou no acto e visitou durante a mañá deste mércores a Casa Museo Picasso.

“Desde o Goberno de Inés Rey buscamos encher os espazos culturais de exposicións de primeiro nivel, achegando a arte á cidadanía con mostras de recoñecida calidade coma esta”, indicou Castro, que remarcou a programación vencellada a Pablo Picasso que acolle regularmente A Coruña como cidade picassiana. A mostra ‘Xavier: Momentos naturais’ reúne máis de cen obras realizadas entre 1977 e 2025, incluíndo pintura, gravado, escultura e cerámica, e está estruturada en nove momentos creativos e dous gabinetes temáticos.

A mostra ‘Xavier: Momentos naturais’ poderá visitarse ata o vindeiro 26 de febreiro no horario de apertura do Quiosco Alfonso, de luns a domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas. Acompañando esta mostra faranse visitas guiadas que se desenvolverán os sábados 20 e 27 de decembro e o 3 de xaneiro ás 12.00 horas. Haberá 25 prazas por visita e a reserva deberá facerse de maneira presencial no Quiosco.

Deja un comentario