Wednesday 03 de December de 2025

O Concello de San Sadurniño patrocina a participación da deportista local no europeo tan só unhas semanas despois de proclamarse en Murcia campioa de España Sub-12


Candela Pérez Dopico viaxa ás Canarias buscando a victoria no Eurokids de surf

A surfista de San Sadurniño Candela Pérez Dopico, recente campioa de España Sub-12, viaxa esta fin de semana a Tenerife para competir no Eurokids, o circuíto europeo infantil integrado no Las Américas Pro Surf Fest. Candela, de só 11 anos, buscará repetir —ou mesmo mellorar— a prata que trouxo o ano pasado das illas, nun evento que reúne ás mellores promesas do continente. A súa participación chega nun momento especialmente doce para ela, tras proclamarse hai unhas semanas en Murcia campioa de España Sub-12 e xusto despois de facerse cun segundo posto na proba do circuíto galego celebrada a pasada fin de semana en Bastiagueiro, competindo con nenas maiores ca ela. A viaxe ás Canarias, que ela afronta con tranquilidade e co obxectivo de seguir aprendendo e desfrutando do mar, a súa gran paixón, será unha boa oportunidade de medir o seu nivel fóra de Galicia. Algo que é posible grazas a unha familia volcada ao completo e por completo coa pequena grande rider e, polo menos nunha pequena parte, tamén grazas ao respaldo do Concello de San Sadurniño e de firmas patrocinadoras.

A poucos días de entrar ao auga nas praias de Arona, en Santa Cruz de Tenerife, Candela Pérez Dopico móstrase tranquila, pero con ese punto de nervios que anuncia que vén algo grande. “É unha categoría superior, con máis nivel”, recoñece, consciente de que este Eurokids —valedeiro para o título europeo sub14 e para os rankings nacionais sub10 e sub12— reúne surfistas de grande nivel. “Pero se me esforzo, me concentro e surfeo como sei surfear, podo ter algunha posibilidade”.

A deportista chega á cita canaria nun momento espléndido: flamante Campioa de España Sub-12 —título acadado en Mazarrón hai unhas semanas— e recente subcampioa na terceira proba do circuíto galego en Bastiagueiro, competindo con rapazas maiores ca ela na categoría Sub-14. A experiencia, di, sempre suma. “Para min é unha experiencia e, se me esforzo, dame igual que gane ou que perda”.

O formato do campionato canario : “Son 20 minutos e un máximo de 15 ondas, que é algo bastante difícil de facer nese tempo”, explica Candela. “Valoran os xiros, a forza coa que os facemos, as manobras… Eu a verdade é que estou nerviosa… pero tampouco tanto, porque aínda non sei contra quen me vai tocar nin cantas somos”.

Malia a súa idade, fala da competición cunha madurez que sorprende. E tamén coa paixón de quen descubriu este deporte por pura curiosidade: “Un verán vía a xente surfear en Valdoviño e Pantín. Eu non sabía o que era, pero quería aprender”.

Candela empezou a surfear “con sete ou oito anos”, e desde entón a súa vida organízase ao redor das ondas e dos libros. “Teño clase de surf tres días e despois vou surfear un día máis. Adestro físico, pero surf fago uns cinco días á semana”, conta. A conciliación non é sinxela, pero ten as prioridades claras: “Primeiro estudar, pero sempre saco tempo aos poucos para surfear”.

Ao seu carón, sempre a familia. A nai, Cristina Dopico Barro, confirma que todo naceu de forma natural: “Ves que lle gusta, que o está pedindo, e inténtao. Así empezou e aí segue”. A familia enteira está volcada co seu progreso deportivo nunha disciplina que segue sendo minoritaria e que require un importante esforzo. “Para as familias é complicado, porque tes que moverte moito. Pero a ela gústalle e fas o esforzo de levala adestrar porque o desfruta e quere competir”, explica. “Xa está saíndo desta zona, acabamos de vir de Murcia e de Cádiz dun campionato de España e agora toca o Europeo. Do que se trata é de desfrutar”.

O esforzo tamén é económico. “Sen patrocinadores é moi complicado. E nós temos que movernos toda a familia porque temos outra nena pequena”, lembra Cristina, quen agradece a colaboración do Concello de San Sadurniño -que figura como patrocinador na táboa da campioa- e doutras firmas. Tamén agradece o labor do equipo RSM da escola que dirixe Rubén Sanmartín Mayobre, clave para que a deportista poida seguir acumulando experiencia e mostrando o seu talento dentro e fóra de Galicia.

A próxima cita, desde este xoves 4 até o doming 8 de decembro na praia tinerfeña das América, lugar onde Candela tentará demostrar por que é considerada unha das grandes promesas do surf galego e estatal… e unha das nosas grandes deportistas.

Deja un comentario