Inés Rey: “Xoel é importante non só pola transcendencia das súas cancións, senón pola sintonía e conexión que teñen as súas letras coa Coruña”
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta tarde a Xoel López para amosarlle a súa figura do Belén Municipal, que se incorporará este ano á extensa colección de personalidades que poboan o nacemento de María Pita o vindeiro venres 12 de decembro. Acompañado polos seus pais, o artista coruñés asinou no libro de ouro do Concello e ofreceu unha pequena actuación no Palacio Municipal de María Pita.
“Xoel López é importante non só pola transcendencia das súas cancións, auténticos himnos do pop nacional, senón pola sintonía e a conexión que teñen as súas letras coa Coruña”, indicou Inés Rey. A alcaldesa destacou a traxectoria do coruñés, que o levou a actuar nos recintos máis importantes da cidade, como o estadio municipal de Riazor, a praia de Riazor, a praza de María Pita, o Coliseum ou diversas salas e espazos culturais.
O Belén Municipal abrirá as súas portas na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita o vindeiro venres 12 de decembro. O horario xeral de apertura será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Iso si, como todos os anos, haberá horarios específicos en datas sinaladas. O 24 de decembro (só horario de mañá), o 25 de decembro (só en horario de tarde), o 31 de decembro (só en horario de mañá), o 1 de xaneiro (só en horario de tarde), o 5 de xaneiro (só en horario de mañá) e o 6 de xaneiro (só en horario de tarde).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.