Wednesday 03 de December de 2025

A Xunta iniciará nos vindeiros días os traballos de limpeza do Castelo de Corbeiroa


— A actuación arqueolóxica contempla a eliminación da vexetación que medra na estrutura e na súa contorna inmediata

— O Goberno galego responde así ao seu compromiso coa conservación, investigación e divulgación dos ben patrimoniais máis senlleiros da Comunidade

A Xunta de Galicia iniciará nos vindeiros días unha intervención arqueolóxica no Castelo de Corbeiroa, un ben patrimonial localizado na punta do mesmo nome, entre a praia de Gandarío, no Concello de Bergondo, e a praia das Delicias, no de Sada.
Así, os traballos, que contan cun orzamento de 8.500€ e se encadran no plan de actuacións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deste 2025, responden ao compromiso do Goberno galego coa rehabilitación, conservación, investigación e divulgación do patrimonio máis senlleiro da Comunidade. Neste caso, as tarefas centraranse na limpeza da vexetación que medra nas estruturas do castelo e na súa contorna inmediata co obxectivo de despexar a zona e deixar liberado e con visibilidade o acceso ao inmoble.
Deste xeito, tratarase nunha primeira fase de limpar as plantas de maior porte para proceder despois, baixo control arqueolóxico, á limpeza das paredes coa retirada da maleza que poida medrar nas súas estruturas. O proxecto tamén contempla a realización dunha diagnose de conservación e a toma de vídeos e fotografías para describir as accións que se leven a cabo.
O Castelo de Corbeiroa é unha construción propia da arquitectura defensiva datada de antes do ano 1849, polo que, de acordo coa Lei do patrimonio cultural de Galicia, ten a consideración de ben de interese cultural. Foi edificado no século XVIII na punta homónima como parte do sistema defensivo do porto de Sada contando cunha batería que se corresponde co modelo típico das fortificacións costeiras españolas con orixe na segunda metade do século XVI.

Deja un comentario